Román Rodríguez destaca que o alumnado da Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo representa “o talento e a preparación que Galicia precisa para avanzar”
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP participa na graduación dun total de 286 estudantes de sete graos e 31 alumnos de dous másteres desta escola
Vigo, 10 de xuño de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participou esta tarde na cerimonia de graduación do alumnado da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo, onde recoñeceu o seu “esforzo e implicación” ao longo dos seus estudos. No acto fíxose entrega dos diplomas a 286 alumnos de sete graos e a 31 dos dous mestrados.
As titulacións que finalizaron os seus estudos son a primeira promoción dos programas conxuntos de estudos de grao en Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría en Electrónica Industria e Automática, en Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría Mecánica e en Enxeñaría en Electrónica Industria e Automática e Enxeñaría Mecánica. Tamén dos alumnos dos másteres de Enxeñaría Industrial e Biomédica.
O representante do Goberno galego salientou que esta nova xeración de profesionais representa “o talento e a preparación que Galicia precisa para avanzar cara a unha economía baseada no coñecemento, a innovación e a tecnoloxía”. Ademais, puxo en valor o papel das universidades como piares fundamentais para o desenvolvemento social e económico do país, así como espazos de formación que conectan a mocidade co futuro profesional e cos retos globais.