A Xunta sinala a Feira da Ciencia de Ribadeo como unha oportunidade para amosar o gran labor dos centros de ensino
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, visita esta cita do calendario Galicia Educa que se celebra no Instituto IES Dionisio Gamallo
Ribadeo (Lugo), 11 de xuño de 2025
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, visitou hoxe a XXX edición da Feira da Ciencia de Ribadeo, unha iniciativa enmarcada no calendario Galicia Educa promovido pola Xunta de Galicia para visibilizar o labor dos centros escolares no reforzo da aprendizaxe do alumnado e para dar a coñecer a oferta formativa. Este evento, que se prolongará ata este xoves, dá a coñecer o traballo de catro centros da localidade: o Instituto IES Dionisio Gamallo, onde se realiza a feira, o Centro Integrado de FP CIFP Porta da Auga, o Colexio CEIP Plurilingüe Gregorio Sanz e o Colexio CPR Plurilingüe Sagrado Corazón.
Os centros participantes presentan aos asistentes as súas propostas formativas e proxectos pedagóxicos, centrados tamén na innovación, na inclusión e na convivencia. Entre as actividades que se exhiben destacan obradoiros, exposición de proxectos científicos e instrumentos ou mostra da oferta formativa.
O representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP felicitou aos estudantes, docentes e equipos directivos pola organización deste evento e a calidade e creatividade nas iniciativas expostas. “Estas citas son ferramentas fundamentais para amosar o gran labor que se realiza día a día nos centros”, sinalou Jesús Álvarez, que incidiu en que a Feira da Ciencia “é unha moi boa maneira de compartir o aprendido e seguir aprendendo e experimentando”, cunha aposta pola tecnoloxía, a ciencia, a arte e a aprendizaxe baseada en proxectos.
Galicia Educa
Esta feira de Ribadeo forma parte do programa Galicia Educa, unha rede de encontros promovida pola Consellería de Educación para destacar boas prácticas nos centros e reforzar as estratexias de orientación académica e profesional. Trátase dunha aposta da Xunta para visibilizar o traballo dos centros escolares e achegar o sistema educativo galego á sociedade.