As aulas galegas contarán con 900 profesores máis na etapa de secundaria o vindeiro curso grazas ás novas medidas do acordo de mellora educativa

Explica que a meirande parte deste reforzo de cadro de persoal, uns 747 docentes, derívanse da reconfiguración do horario docente para garantir unha mellor atención ao alumnado e ás familias

Ao abeiro do Plan de atención á diversidade, sinala que se incorporarán “outros 100 especialistas en Pedagoxía Terapéutica e 50 orientadores a maiores” para seguir reforzando o sistema educativo galego como o máis inclusivo de España

Este setembro complétase a redución de ratios de 25 a 20 alumnos por aula en toda a etapa de Infantil e continúase coa folla de ruta para a baixada progresiva no resto das etapas, prevendo a de Secundaria a partir do curso 2028/29

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que as aulas galegas contarán con “preto de 900 profesores máis -897- na etapa de secundaria o próximo curso, co obxectivo de garantir unha atención aos alumnos máis individualizada e ter en conta o aumento da diversidade e o ensino inclusivo nas aulas”.

Isto será posible grazas á aplicación, xa desde setembro, das novas medidas incorporadas este ano ao Acordo de mellora educativa asinado entre a Xunta e os sindicatos CCOO, ANPE, UGT e CSIF, como é a reconfiguración do horario do profesorado desta etapa e o reforzo da atención á diversidade. A terceira das medidas pechada recentemente, a redución progresiva de ratios en ESO e bacharelato, comezará a executarse a partir do curso 2028/29.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP deu conta ante o Consello da Xunta dun informe sobre a dotación adicional de profesorado nos centros de Educación Secundaria o vindeiro curso.

A meirande parte deste reforzo de cadro de persoal vén derivado da reconfiguración do horario docente de secundaria co obxectivo de garantir unha mellor atención ao alumnado e ás familias. Esta reconfiguración implica a incorporación ao sistema de 747 profesores a maiores.

Esta medida, que supón adaptar o traballo docente á realidade actual dos centros educativos, redundará nunha maior dispoñibilidade para “tarefas complementarias á ensinanza”, sinalou Rueda, facendo referencia á xestión de protocolos educativos, atención ás familias e aos alumnos, as gardas ou para desenvolver iniciativas en ámbitos como as novas tecnoloxías, os idiomas, a convivencia ou as bibliotecas escolares, entre outras accións.

Reforzo na atención á diversidade

Tamén a partir de setembro arrancan as primeiras medidas do Plan de impulso á atención á diversidade para o período 2026-2030 coa “dotación de 150 docentes especialistas máis en secundaria”. Trátase, detallou o presidente, de “100 especialistas en pedagoxía terapéutica e 50 orientadores” dentro dun amplo paquete que inclúe tamén amplas medidas de formación, actualización normativa, revisión de estruturas e redución de burocracia para avanzar nun ensino plenamente inclusivo.

Esta medida vai reforzar aínda máis o liderado de Galicia a nivel estatal en garantir unha atención máis personalizada e súmase ás acordadas en 2023 coas mesmas organizacións sindicais e xa en aplicación, como a ponderación do alumnado con necesidades á hora de conformar grupos que agora quere ser imitada no resto de España. Cómpre lembrar que o sistema educativo galego é o máis inclusivo de España co 94,2 % do alumnado con necesidades escolarizado en centros ordinarios fronte á media estatal situada no 85,7 %.

Redución de ratios en secundaria

Este paquete de melloras impulsado este curso sobre as asinadas no Acordo marco de 2023 completarase co inicio da redución progresiva de ratios en secundaria a partir do curso 2028/29.

Así pois, o vindeiro setembro complétase a redución de ratios de 25 a 20 alumnos en toda a etapa de infantil (antes era de 25), e o ano que vén arrancará o mesmo proceso en primaria, pasando de 25 a 20. En setembro de 2028, emprenderase a rebaixa en ESO, pasando de 30 a 25. Ano a ano, irá cubrindo progresivamente o resto de cursos. En bacharelato, mentres no Estado a ratio é de 35, Galicia xa está en 33 e continuarán descendendo ata 30 alumnos por aula con base neste calendario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/07/2026