Educación presenta o novo programa Sinerxía, que concentra todas as accións didácticas para a formación en valores do alumnado

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa detalla no Colexio Valle-Inclán de Vigo esta iniciativa cuxa convocatoria estará aberta ata este venres

Poderán participar nun máximo de cinco programas dos seis ámbitos temáticos que se abordan: a igualdade e cidadanía, a educación artística e patrimonial, a lingua e comunicación, a sostibilidade, a educación intercultural e internacional, os hábitos de vida saudables e o consumo responsable

Vigo, 10 de novembro de 2027

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou esta mañá o Colexio Valle-Inclán de Vigo para presentar Sinerxía, un novo programa de innovación educativa no que, a partir de agora, se van concentrar as distintas accións didácticas que promoven as consellerías da Xunta nos centros escolares para afondar en determinadas temáticas da súa competencia, e sempre aliñadas co currículo.

A representante de Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP lembrou que os  centros educativos dispoñen de prazo ata este venres para participar na primeira convocatoria deste programa que ten como obxectivo impulsar proxectos educativos interdisciplinarios que favorezan a aprendizaxe competencial e a participación activa do alumnado.

Cada centro educativo poderá participar nun máximo de cinco programas dentro dos seis ámbitos temáticos, entre eles a educación artística e patrimonial, para fomentar a creatividade, a identidade cultural e o coñecemento do patrimonio; a educación para a igualdade e a cidadanía, centrada na convivencia, os valores democráticos, o desenvolvemento dunha afectividade saudable e a participación social; e a educación intercultural e internacional, orientada a fomentar a aprendizaxe de idiomas, á cooperación internacional e ao respecto á diversidade cultural.

Tamén abranguen a educación en lingua e comunicación, co obxectivo de reforzar a expresión oral e escrita, a alfabetización informacional, o pensamento crítico e a revitalización do patrimonio lingüístico galego; a educación en hábitos de vida saudables, promovendo o benestar físico, emocional e mental; e a educación para a sostibilidade, fomentando a conciencia ambiental, o consumo crítico, a economía circular, a mobilidade sostible, o respecto polo benestar animal e o compromiso co planeta.

Innovación pedagóxica e colaboración

A través desta iniciativa fomentarase a innovación pedagóxica, favorecerase a colaboración entre disciplinas e potenciarase o traballo en rede entre centros. Así mesmo, promoverase o intercambio de experiencias e boas prácticas entre a comunidade educativa co obxectivo de consolidar unha cultura de cooperación, aprendizaxe compartida e mellora continua que contribúa a reforzar a calidade do ensino.

Sinerxía toma o relevo do Plan Proxecta+, que ao longo de máis dunha década consolidou a innovación educativa nas aulas con arredor de 40 programas con actividades dos distintos departamentos autonómicos. Agora dáse un novo impulso cun modelo de colaboración entre administracións, centros e entidades máis integrado e coordinado para a formación dunha cidadanía crítica, responsable e comprometida coa sostibilidade, os dereitos humanos e os valores democráticos.

Data de actualización: 10/11/2026