Villaverde destaca en Vilagarcía a importancia de achegar o valor nutricional e a calidade do Mexillón de Galicia aos máis novos
A conselleira do Mar participou no CEIP A Lomba nunha xornada divulgativa organizada polo Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia para fomentar hábitos de alimentación saudables entre o alumnado
A iniciativa, enmarcada no convenio de colaboración entre a Xunta e a entidade, prevé chegar a uns 15 centros educativos galegos ao longo deste ano
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 12 de novembro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acudiu hoxe no CEIP A Lomba de Vilagarcía de Arousa a unha nova xornada do programa Mexillón de Galicia nas aulas, unha iniciativa impulsada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia en colaboración coa Xunta para achegar aos máis novos o valor nutricional deste produto e fomentar hábitos de alimentación saudables desde a infancia.
Durante a visita, na que estivo acompañada polo secretario xeral do Consello Regulador, Joaquín Garrido, a responsable autonómica participou nas actividades divulgativas desenvolvidas co alumnado de segundo, terceiro e cuarto de primaria, centradas nas propiedades alimentarias do mexillón, o seu proceso de cultivo e extracción das rías galegas e a importancia económica e social da actividade mexilloeira en Galicia.
A programación incluíu unha charla didáctica dirixida a preto de 100 escolares, así como unha visita á cociña do centro, na que o alumnado puido coñecer de primeira man a preparación deste produto e degustar un menú elaborado con Mexillón de Galicia e arroz. A actividade permitiu achegar aos nenos e nenas a realidade da acuicultura galega a través dunha experiencia educativa vinculada á alimentación e á gastronomía.
A conselleira puxo en valor a importancia de familiarizar as novas xeracións cos produtos do noso mar e de favorecer o seu coñecemento desde idades temperás. Neste sentido, incidiu no papel da comunidade educativa para promover unha alimentación variada e equilibrada, así como para transmitir a relevancia dun sector estreitamente ligado á economía, á cultura e á identidade das zonas costeiras galegas.
Esta actividade forma parte dun programa piloto que contempla actuacións en arredor de 15 centros educativos galegos durante 2026, mediante charlas divulgativas, actividades participativas e a incorporación de mexillón certificado aos menús escolares. A iniciativa busca mellorar o coñecemento das características nutricionais deste alimento, promover o seu consumo e dar visibilidade ao traballo dos profesionais do sector.