Portos de Galicia colaborará na reparación da cuberta da nave de deportes náuticos de Cangas de Morrazo para garantir a seguridade dos remeiros

Natalia Botana explicou que o ente público financiará parte desta actuación, pese a que o Concello anunciara meses atrás a reforma integral, dado que persisten as necesidades dos deportistas

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2026

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, asumirá a reparación da cuberta da nave de deportes náuticos de Cangas de Morrazo para garantir a seguridade dos remeiros. Así o comunicou a presidenta do ente público, Natalia Botana, á alcaldesa do municipio nunha reunión esta mañá na sede do ente público.

Botana explicou que o ente público financiará parte desta actuación pese a que meses atrás fora o Concello quen anunciase a reforma integral da nave, para dar resposta ás necesidades dos deportistas, que se manteñen a día de hoxe. Para executar este investimento, Portos de Galicia asinará un convenio de colaboración co Concello de Cangas de Morrazo dado que a administración local é a titular da explotación do edificio, que se atopa en dominio público portuario.

Ademais, durante o seu encontro coa alcaldesa de Cangas de Morrazo, Natalia Botana informou tamén de que o ente público ten previsto reparar antes de final do ano o paseo que discorre pola parte traseira dos departamentos do porto cangués. Esta actuación realizarase no marco do contrato de mantemento que Portos ten en vigor para a conservación das instalacións nos 122 portos de titularidade autonómica.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 12/11/2026