A Xunta destaca a ferramenta EMi como mostra da aposta por potenciar a empregabilidade da cidadanía a través da tecnoloxía
Vigo, 11 de xuño de 2025
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe en Vigo na xornada Revolución en la búsqueda de empleo: El papel de la IA, enmarcada no programa ConectaLab da Cruz Vermella, onde presentou a ferramenta de intelixencia artificial EMi, implantada nas 54 oficinas de emprego de Galicia.
Zeltia Lado expuxo as posibilidades que ofrece EMi —premiada pola Comisión Europea— e explicou que permite axustar en tempo real as demandas de man de obra do tecido produtivo aos perfís das persoas demandantes rexistradas polo servizo público, dando resposta así ao reto da cobertura de vacantes. Entre as súas vantaxes, salientou que tamén relaciona todas as características e competencias da persoa demandante con datos avanzados do mercado laboral e detecta sectores emerxentes de emprego e empresas que están contratando en cada unha das ocupacións. A día de hoxe, destacou, a ferramenta xa permitiu realizar o perfilado competencial de arredor de 60.000 persoas.