A Xunta licitará a finais deste verán as obras de mellora da Torre de Hércules por preto de 1 M€

O director de Turismo de Galicia visitou a contorna deste Ben de Interese Cultural (BIC) no que se realizará a actuación financiada con fondos Next Generation

No BIC herculino mellorarase o perímetro e a accesibilidade, repararase a área arqueolóxica e instalarase un novo alumeado con criterios de eficiencia enerxética

A Coruña, 11 de xuño de 2025

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, xunto coa delegada territorial da Xunta en A Coruña, Belén do Campo, realizou esta mañá unha visita á contorna da Torre de Hércules. Alí, Xosé Merelles anunciou que o Goberno galego “licitará as obras de mellora deste Ben de Interese Cultural (BIC) por importe de 995.000 euros antes de que remate o verán” co obxectivo de adxudicalas a finais de ano e executalas no primeiro semestre de 2026. A planificación realízase logo de ratificarse o acordo co Concello de A Coruña para a cesión dos terreos que permitirá esta actuación.

Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que inclúe o Plan Xacobeo Next Generation: posta en valor dos BIC do Camiño de Santiago que ten como finalidade de conservar os bens de interese cultural da comunidade e incentivar o seu aproveitamento social e turístico. En concreto, a Xunta xestiona máis de 27 millóns de euros na mellora de 10 BICs galegos.

Deste xeito, “incrementaremos aínda máis o valor turístico deste monumento, mellorando a capacidade que o patrimonio histórico e cultural galego ten para atraer visitantes en todo o territorio”, asegurou.

Neste sentido, salientou que as actuacións que se están a realizar nestes BIC consisten sobre todo na rehabilitación de espazos de uso turístico, melloras de sustentabilidade, accesibilidade e eficiencia enerxética, e impulso da dixitalización destes bens.

Mellora do perímetro e da accesibilidade ao monumento

En concreto, na Torre de Hércules procederase á escavación na área de restauración do perímetro inmediato á base da Torre ao tempo que se mellorará a accesibilidade e levaranse a cabo distintas actuacións de reparación da área arqueolóxica da Torre de Hércules.

Ademais, actuarase nas Salas Gianini, a terraza superior e o Edículo e instalarase un alumeado ornamental con criterios de eficiencia enerxética. Tamén se restaurarán os sendeiros do Espazo Natural de Interese Local Torre de Hércules (ENIL) na contorna do monumento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/06/2025