A Xunta lamenta que o caos ferroviario de Renfe segue a afectar a Galicia nas últimas xornadas

Segundo trasladan persoas usuarias e plataformas, un dos trens que saía da Coruña onte pola noite retrasouse 15 minutos e esta mañá houbo demoras nos trens rexionais desde Ourense, Ferrol e Vigo con retrasos de ata 40 minutos nalgúns casos

O Goberno galego esixe ao Ministerio de Transportes que Renfe informe dos motivos destas incidencias constantes e tamén que ofreza certeza ás persoas viaxeiras cos prezos dos billetes

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2025

A Xunta lamenta que o caos ferroviario de Renfe segue a afectar a Galicia, con novos retrasos nos servizos ferroviarios rexistrados na xornada de onte e esta maña, segundo as informacións coñecidas a través de plataformas de usuarios.

Así, a última hora da tarde de onte o tren con saída prevista da Coruña ás 21,25 horas demorouse 15 minutos, o que provocou aglomeración no vestíbulo no edificio da estación habilitado de xeito provisional ata que rematen as obras da intermodal. Ademais, esta mañá a pantalla de chegadas, amosaba que todos os trens rexionais desde Ourense, Ferrol e Vigo chegaban con retraso. O tempo de espera acadou os case 40 minutos en dous convois con saída desde a cidade viguesa.

A Xunta lamenta que as persoas que se desprazan cada día por traballo, estudos ou outro motivos se vexan prexudicado por esta incerteza e que Renfe e Adif non acheguen explicacións a estes continuos incumprimentos de horarios. Nesta liña, o Goberno galego leva meses esixindo ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible o interlocutor con Renfe comprometido para poder contar con información actualizada sobre estas incidencias. 

Tal e como xa explicou onte no Parlamento o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, as persoas usuarias dos servizos ferroviarios en Galicia vense afectadas de xeito continuo por avarías, incumprimentos de horarios e fallos na web de Renfe, así como da supresión de servizos, a falta de prazas ou a limitación na venda anticipada nos billetes.

Ademais, a Xunta esixe ao Goberno central que ofreza certezas ás persoas usuarias cos prezos dos billetes, ante a inminente fin dos bonos de transporte o vindeiro 1 de xullo.

Data de actualización: 11/06/2025