A Xunta publica as instrucións para o novo curso, que reforzan a autoridade do profesorado e inciden na convivencia escolar
En consonancia con estes obxectivos, apóstase pola neutralidade ideolóxica como base da pluralidade e na promoción do pensamento crítico entre o alumnado
Tamén se inclúe un tempo de lectura diario en Primaria, de entre 20 e 30 minutos
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2025
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP publica hoxe as instrucións para o novo curso, que reforzan a autoridade do profesorado e inciden na convivencia escolar. Logo de avaliar o documento nos últimos días cos representantes dos centros e das familias, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, explica ao respecto que os centros “deberán fomentar o respecto, a tolerancia cero contra as agresións e traballar en prol da prevención dos conflitos e da súa solución pacífica”.
Como garante do bo clima nas aulas, faise fincapé na condición de autoridade pública do profesorado no exercicio das funcións directivas, organizativas, docentes e de corrección disciplinaria, recoñecida pola Lei de Convivencia de 2011. Ademais, as instrucións insisten na necesidade de que ningún docente sexa vítima de situacións contrarias á convivencia “e, de selo, na importancia de poñelo en coñecemento da administración educativa para prestarlles apoio e asesoramento”, destaca a representante da Consellería de Educación.
En consonancia con estes obxectivos, o novo texto aposta pola neutralidade ideolóxica nas actividades complementarias que se desenvolvan nos centros, como base da pluralidade e o respecto ás liberdades individuais en base á Lei orgánica 8/1985 reguladora do dereito á educación. “Deste xeito favorécese a transmisión de valores constitucionais, a promoción do pensamento crítico entre o alumnado e que se informe obxectivamente e de maneira imparcial sobre o pluralismo social”, sinala a directora xeral.
As actividades complementarias forman parte da programación e deben estar orientadas a facilitar o desenvolvemento do currículo ou motivar as aprendizaxes. As instrucións establecen que deberán distribuírse dun xeito equilibrado ao longo do curso e estar recollidas na Programación Xeral Anual. Excepcionalmente poden incorporarse actividades sobrevindas coa aprobación do equipo directivo e dando conta ao Consello Escolar e á Inspección Educativa.
Tempo de lectura
As instrucións do curso que vén establecen, así mesmo, un tempo diario para o fomento da lectura en Educación Primaria, de entre 20 e 30 minutos. Tal e como explica a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, “a medida forma parte do programa de reforzo da lectura incluído no Plan MEGA de mellora educativa de Galicia e ten como obxectivo fomentar o hábito lector, desenvolver as competencias clave e potenciar as estratexia de comprensión de todo tipo de textos e imaxes”.
Os centros deberán, ademais, elaborar un Plan de Lectura, Escritura e Acceso á Información e aplicar un tempo dedicado á lectura en todas as etapas cun tratamento transversal, interdisciplinario e de implicación de todo o profesorado e materias, aproveitando as actividades do centro.
As instrucións difúndense hoxe no Portal Educativo e serán publicadas mañá no Diario Oficial de Galicia.