O conselleiro de Sanidade interveu na inauguración do Congreso Nacional da Sociedade Española de Paraplexia, celebrado na cidade da Coruña
Gómez Caamaño salienta o liderado da unidade de lesionados medulares do Chuac, pioneira na posta en marcha da consulta especializada de enfermería e agora primeira de España con videoconsultas
Subliña que o servizo de videoconsulta da unidade de lesionados medulares evitou desprazamentos innecesarios a máis de 77 pacientes no último ano
Lembra a aposta do Servizo Galego de Saúde pola humanización da asistencia, materializada en iniciativas como o Plan de Humanización da Atención ás Persoas con Lesión Medular
Só en 2023 a Xunta destinou máis de 849.000 euros á robotización da unidade e prevese un novo bloque de investimentos superior ao medio millón de euros no próximo ano
A Coruña, 12 de xuño de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou esta mañá, no Congreso Nacional da Sociedade Española de Paraplexia, o liderado da unidade de lesionados medulares do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), unidade pioneira en poñer en marcha a consulta especializada de enfermería e agora tamén a primeira de España en ofrecer videoconsultas a través do IANUS 5.
Durante a inauguración, Gómez Caamaño remarcou que a creación dunha consulta especializada de enfermería para este tipo de lesión é un elemento distintivo que reforza desde 2009 a atención integral e personalizada destes pacientes.
Ademais, o conselleiro de Sanidade salientou que a unidade de lesionados medulares do Chuac evitou desprazamentos innecesarios a máis de 77 pacientes no último ano, especialmente residentes en contornas rurais afastadas. Esta modalidade de atención supón un avance significativo en accesibilidade e continuidade asistencial, reducindo barreiras xeográficas e facilitando unha atención máis próxima e eficaz.
Na súa intervención, o titular da sanidade lembrou a aposta do Servizo Galego de Saúde pola humanización da asistencia sanitaria, materializada en iniciativas como o Plan de Humanización da Atención ás Persoas con Lesión Medular, unha guía elaborada pola propia unidade que se converteu no primeiro manual de boas prácticas nesta materia. “Mostra clara do compromiso galego cun modelo asistencial máis próximo e centrado na persoa”, asegurou Gómez Caamaño.
Investimentos e modernización da unidade
En materia de innovación, Gómez Caamaño fixo fincapé no esforzo da Xunta coa incorporación de tecnoloxía punteira para a rehabilitación neurolóxica. En 2023, destináronse 849.522 euros á robotización da unidade. Este investimento foi financiado pola Unión Europea, a través do Programa Feder de Galicia 2014-2020.
O equipamento adquirido incluíu un sistema robótico de adestramento da man e do brazo, un sistema de rehabilitación para extremidades superiores, unha padiola de verticalización e mobilización temperá, e un sistema robótico de locomoción.
De cara ao próximo ano, a Consellería de Sanidade ten previstos máis investimentos por importe superior ao medio millón de euros.