O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, acompañado polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, interveu na VIII Xornada Farmacoterapéutica en Enfermidades Raras
O Servizo Galego de Saúde ultima unha nova estratexia de enfermidades raras que incluirá a importancia de medir os resultados en saúde
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2025
O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, participou na VIII Xornada Farmacoterapéutica en Enfermidades Raras para falar sobre a nova estratexia na que está a traballar o Servizo Galego de Saúde na que a medición dos resultados en saúde terán un papel protagonista.
O director xeral, acompañado polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, explicou que neste momento se está a finalizar a avaliación do anterior documento para incluír as súas conclusións nas novas liñas da futura Estratexia galega de enfermidades raras 2025-2030.
Así, dentro da aposta da Consellería por medir os resultados en saúde, tamén se terán en conta na xestión asistencial de datos para deseñar novos procesos que melloren tanto a sostibilidade como fundamentalmente a calidade asistencial en enfermidades raras.
Atendendo aos últimos datos do Rexistro de Pacientes con Enfermidades Raras (RERGA), Galicia pechou o 2024 cun total de 5.217 casos, entre os que destacan os de ELA, de cirrose biliar primaria e da enfermidade de Huntington.