Medio Rural e o Concello de Sarria avanzan na súa colaboración para o mantemento do servizo de matadoiro municipal da localidade
A conselleira María José Gómez reuniuse esta tarde co alcalde, Claudio Garrido, e coa portavoz do grupo municipal do PP, Carmen José López, na sede da Delegación da Xunta en Lugo
Lugo, 12 de xuño de 2025
A Consellería do Medio Rural e o Concello de Sarria avanzan na súa colaboración para o mantemento do servizo de matadoiro municipal desta localidade. A conselleira María José Gómez, reuniuse esta tarde na sede da Delegación da Xunta en Lugo co alcalde de Sarria, Claudio Garrido, nunha xuntanza na que tamén participou a portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Carmen José López, e a directora territorial da Consellería na provincia, Olga Iglesias.
No encontro púxose de manifesto a defensa, por parte da Consellería, do interese público deste servizo, tendo en conta a importancia que teñen o sector agrogandeiro e a propia industria cárnica na comarca.
Gómez reiterou o compromiso da Consellería para atender as demandas dos veciños, no sentido de colaborar para manter en funcionamento unhas instalacións municipais fundamentais para a cidadanía da bisbarra. Ademais, a titular de Medio Rural incidiu en que esta comarca destaca por acoller un número importante de granxas de porcino, así como sas de despece e pequenos obradoiros cárnicos, polo que o servizo do matadoiro resulta de gran interese para o sector.