O conselleiro de Sanidade, xunto coa directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva, participou no acto de Conmemoración dos 10 anos do Plan para a abordaxe da Hepatite C

Gómez Caamaño subliña a efectividade dos tratamentos fronte á Hepatite C con preto de 10.000 pacientes tratados desde 2015 e o fito de que Galicia adiante 4 anos o prazo para atallar a enfermidade

Sinala o carácter pioneiro do Plan estratéxico galego implantado en 2015 e que, no uso de antivirais de acción directo, ten unha porcentaxe de efectividade superior ao 97%

Remarca o diagnóstico nun só paso como outro logro das políticas de saúde pública para reducir o tempo de acceso ao tratamento e a identificación retrospectiva de pacientes, coa que se logrou recoñecer máis de 250 persoas con infección activa descoñecida

Galicia fíxase como obxectivo a eliminación total da Hepatite C como problema de saúde pública no ano 2026

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou a efectividade dos tratamentos fronte á Hepatite C con preto de 10.000 pacientes tratados desde 2015 e ambicioso obxectivo que se marca Galicia ao poñer en marcha a finais de 2022 o Plan de Eliminación da Hepatite C que permitirá atallar a enfermidade catro anos antes do prazo marcado pola Organización Mundial da Saúde.

Gómez Caamaño interveu, xunto coa directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, no acto de Conmemoración dos 10 anos do Plan para a abordaxe da Hepatite C do Sistema nacional de saúde en Galicia, celebrado no Edificio Administrativo de San Lázaro.

Nas súas palabras o conselleiro de Sanidade explicou que aínda non existe unha vacina eficaz contra a Hepatite C, por iso é especialmente relevante o traballo de prevención para reducir o risco de exposición ao virus nas poboacións máis vulnerables.

Galicia foi pioneira á hora de implantar o Plan Estratéxico para a abordaxe da Hepatite C no 2015, cunha estratexia terapéutica axeitada con respecto ao uso dos antivirais de acción directa para o tratamento desta enfermidade. Desde entón, acadou unha efectividade de máis do 97%.

Gómez Caamaño resaltou o diagnóstico nun só paso por permitir a redución do tempo de acceso ao tratamento e a identificación e caracterización retrospectiva de pacientes con infección activa polo virus da Hepatite C. Así conseguiuse identificar máis de 250 persoas con infección activa descoñecida.

O titular do departamento sanitario lembrou o obxectivo fixado por Galicia para acadar en 2026 a eliminación total da Hepatite C como problema de saúde pública. Isto suporá adiantarse en catro anos ao prazo marcado pola Organización Mundial da Saúde.

Cribado por idade

Actualmente, ás persoas de 40 a 69 anos que acoden a consulta de atención primaria realízaselles un cribado cando deben realizar unha analítica por calquera outro motivo ou, se non é o caso, infórmaselles sobre a enfermidade para decidir se solicitar unha analítica.

Realizáronse xa máis de 280.000 probas e isto permitiu detectar de forma precoz 372 positivos.

Para rematar, Gómez Caamaño agradeceu a implicación de todas as persoas que contribúen ao avance da estratexia galega, desde os profesionais da Dirección Xeral de Saúde Pública e de atención primaria e hospitalaria do Servizo Galego de Saúde ata as asociacións de pacientes, as ONG e as institucións penitenciarias que colaboran en achegar a asistencia sanitaria a colectivos de difícil captación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2025