A Xunta felicita o Colexio Nosa Señora das Dores de Forcarei polo seu 50 aniversario
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, participa nos actos conmemorativos
Forcarei (Pontevedra), 14 de xuño de 2025
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, participou hoxe nos actos conmemorativos do 50 aniversario do Colexio CEIP Nosa Señora das Dores, de Forcarei, onde felicitou á comunidade educativa polo medio século de servizo público do centro. “Moitas xeracións débenlle á formación que recibiron nestas aulas as persoas que hoxe son”, destacou.
O representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP puxo en valor a estreita relación do colexio co tecido social do concello. “Non en balde, este aniversario leva celebrándose desde inicio de curso a través de diferentes actividades que implicaron a toda a veciñanza”, sinalou. “Agardo que o Nosa Señora das Dores continúe moitos anos máis construíndo comunidade en Forcarei”, desexou.
A programación do 50 aniversario remata hoxe cun roteiro da memoria a través dos diferentes espazos do centro, actividades lúdicas interxeracionais, o descubrimento dunha praza conmemorativa e un xantar de confraternidade. Ao longo do curso desenvolvéronse outras iniciativas, entre elas unha carreira popular, a recuperación do desfile tradicional de entroido ou unha homenaxe á primeira promoción do centro.