A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, coñeceu hoxe in situ o resultado destas obras
A Xunta completa a segunda fase da reforma da estrada autonómica AC-862, cun investimento de 7,5 M€
Actuouse ao longo de 3 km de estrada entre o Campo do Hospital, en Cedeira, e Ponte Mera, en Ortigueira, e os traballos consistiron na rectificación de 13 curvas, na rehabilitación do firme e na dotación dun 3º carril de adiantamento
Estas obras permiten reforzar a capacidade da estrada e reducir tempos de percorrido no caso de atopar tráfico pesado e aumentar así a seguridade viaria na contorna
As actuacións completan a 1ª fase executada entre San Sadurniño e O Campo do Hospital, cun orzamento de 7M€, polo que se acada a transformación integral desta estrada, entre a AG-64 e Ortigueira, cun investimento global de 15M€
A conselleira adiantou que a Xunta está a piques de contratar a mellora do firme noutros tramos da AC-862 e doutras 4 estradas nesta zona, cun orzamento de 3,5M€
Ortigueira (A Coruña), 13 de xuño de 2025
A Xunta completa a reforma na estrada AC-862, entre o Campo do Hospital, en Cedeira, e Ponte Mera, en Ortigueira, cun investimento de 7,5M€.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, coñeceu hoxe in situ o resultado destas obras.
Trátase da segunda das fases en que se dividiu o proxecto de acondicionamento na AC-862 e neste caso levouse a cabo ao longo de 3 quilómetros.
Os traballos consistiron na rectificación de 13 curvas, na rehabilitación do firme e na ampliación da plataforma para dispoñer dun 3ª carril de adiantamento no sentido das ramplas ascendentes.
Estas obras permiten reforzar a capacidade da estrada e reducir tempos de percorrido no caso de atopar tráfico pesado e aumentar a seguridade viaria na contorna.
As actuacións completan as obras que se executaran con anterioridade na 1ª fase, no treito entre San Sadurniño e O Campo do Hospital, cun orzamento de 7M€.
Neste sentido, a conselleira destacou que se acada unha actuación integral e transformadora na AC-862 entre a AG-64 e Ortigueira, cun investimento total de 15M€.
Por outra parte, adiantou que a Xunta está a piques de contratar os traballos de reforzo de firme tamén noutro treito desta estrada AC-862 e doutras 4 estradas ao seu paso por Ortigueira, San Sadurniño Aranga, Mañón, Cerdido, Cedeira, Monfero e Irixoa, cun orzamento de 3,5M€.