A Xunta publica mañá luns a nova convocatoria do programa Benestar en Balnearios

Ofértanse máis de 1.275 prazas en 16 establecementos de toda a Comunidade para persoas maiores de 60 anos ou pensionistas de máis de 55

A Administración autonómica destina este ano un 10% máis de orzamento para esta convocatoria na que haberá 66 quendas entre xullo e decembro

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2025

O Diario Oficial de Galicia publica este luns unha nova convocatoria do programa Benestar en Balnearios, que ofrece estadías en 16 establecementos da nosa comunidade para maiores de 60 anos ou pensionistas de máis de 55. As persoas interesadas poden presentar as súas solicitudes a partir do martes 17 de xuño e contarán cun mes de prazo.

Na edición deste ano auméntanse as prazas dispoñibles ata superar as 1.275 e tamén se aumentan as quendas, que serán 66 en total, repartidas ao longo dos meses de xullo e decembro. O programa oferta estadías de 10 días en réxime de pensión completa en 16 establecementos galegos, un máis que o ano anterior.

A Xunta destina a esta convocatoria máis de 331.000 euros, o que supón un 10% máis de orzamento que na pasada edición. Esta iniciativa é unha mostra máis do compromiso do Goberno galego para garantir o envellecemento activo e saudable das persoas maiores, contribuíndo ao seu benestar e a evitar situacións de dependencia ou soidade non desexada.

As solicitudes deberán presentarse preferentemente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. De maneira opcional, poderanse presentar por rexistro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/06/2025