Xornada de portas abertas este martes no CFEA de Sergude para presentar os seus ciclos formativos
O programa de actos combinará a presentación dos cursos cunha visita guiada polas instalacións deste Centro de Formación e Experimentación Agroforestal adscrito á Consellería do Medio Rural
Os ámbitos de formación que se imparten en Sergude son a produción agropecuaria, o aproveitamento e conservación do medio natural e a gandaría e asistencia en sanidade animal
No vindeiro curso duplicaranse as prazas na FP Dual de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal deste centro, con 44 prazas na modalidade intensiva, o dobre que na convocatoria anterior, e ás que se suman outras 22 do ciclo na modalidade xeral
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2025
O Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Sergude (Boqueixón), adscrito á Consellería do Medio Rural, acollerá este vindeiro martes, día 17 de xuño, unha xornada de portas abertas. Estará centrada na presentación dos seus ciclos medio e superior das disciplinas de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, de Produción Agropecuaria e de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal, este último coa opción da modalidade dual intensiva. O programa de actos combinará as explicacións sobre a oferta docente cunha visita guiada polas instalacións do centro.
A xornada comezará ás 16:30 horas, no salón de actos, coa benvida por parte do director do centro, seguida da presentación a cargo dos titores dos diferentes ciclos formativos que se imparten no CFEA. Cómpre destacar que unha das novidades deste ano da oferta formativa dos diferentes centros da Consellería é precisamente que se duplican as prazas na FP Dual de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal en Sergude, onde se contará con 44 prazas na modalidade intensiva, o dobre que na convocatoria anterior, e ás que se suman outras 22 do ciclo na modalidade xeral, o que permite acadar as 66 novas prazas en primeiro curso deste ciclo.
En conxunto, a Consellería do Medio Rural ofertará un total de 406 prazas de novo ingreso nos seus seis centros de formación no vindeiro curso 2025/26, o que supón un 11 % máis con respecto ao curso actual.
Unha vez presentada a oferta formativa, o xefe de explotación falará sobre o predio e as granxas do CFEA e a xefa de internado sobre a residencia de estudantes. Concluídas as presentacións no salón de actos, realizarase unha visita guiada por todas as instalación do centro. A xornada rematará cun percorrido polo predio e as granxas, no que se poderá comprobar en primeira persoa a contorna de aprendizaxe do alumnado.