Román Rodríguez afirma que a orquestra Son das Flores de Vigo resume o carácter integrador do ensino galego
Vigo, 13 de xuño de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destacou hoxe o valor integrador da orquestra e o coro Son das Flores, do Colexio CEIP Vicente Risco de Vigo, que hoxe ofreceu o seu concerto de fin de curso. Segundo afirmou o titular de Educación da Xunta desde o Auditorio Cívico de Teis, “este proxecto resume o carácter integrador do ensino galego, que aposta por valores como o respecto, a tolerancia e o traballo en equipo”.
Son das Flores é un proxecto musical, social e pedagóxico creado en 2021 que involucra 40 rapaces e rapazas de entre seis e 12 anos procedentes de 14 nacionalidades. Pensado para alumnado en situacións vulnerables, fomenta o interese pola música e a conciencia ambiental. “O esforzo do profesorado e o compromiso deste centro son fundamentais para promover a igualdade de oportunidades a través da educación”, celebrou.