O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño xunto co xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, asistiu ao acto de entrega da acreditación
O Servizo de Anatomía Patolóxica do Hospital Clínico Universitario de Santiago é recoñecido coa acreditación ISO 15189 pola súa calidade asistencial
Esta norma internacional referenda a calidade e a fiabilidade de todas as fases das análises xenéticas realizadas neste servizo do centro hospitalario
Trátase do primeiro laboratorio galego de Anatomía Patolóxica que dispón desta acreditación para a realización de probas moleculares de cancro
Este novo logro enmárcase na Estratexia de Oncoloxía de Precisión de Galicia
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto co xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, asistiu ao acto de entrega da acreditación ISO 15189 en Patoloxía Molecular ao Servizo de Anatomía Patolóxica do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.
Os laboratorios deste servizo do hospital santiagués serán os primeiros da rede pública galega en dispor dunha acreditación que os autoriza para a realización de probas moleculares de cancro, o que permitirá unha maior precisión na obtención dos datos xenéticos dos pacientes.
Este logro enmárcase na Estratexia de Oncoloxía de Precisión de Galicia, que aposta por desenvolver e implantar un programa de garantía de calidade para toda a rede de análises xenético-moleculares da comunidade.
A acreditación ISO 15189 é especialmente relevante no contexto do novo regulamento europeo sobre produtos sanitarios para a diagnose in vitro (IVDR), que esixe que os laboratorios que utilizan reactivos sen marcado CE teñan esta acreditación. Esta acreditación referenda a calidade e a fiabilidade de todas as fases das análises xenéticas realizadas neste servizo do centro hospitalario
Con este recoñecemento é posible adaptar os tratamentos e as características xenéticas de cada tumor e, por ende, de cada persoa, o que se coñece como medicina personalizada de precisión.
A carteira de servizos do laboratorio abrangue desde estudos complexos, como a secuenciación masiva de nova xeración (NGS), ata probas moleculares máis específicas en cancro de pulmón, colorrectal, ovario, próstata, vías biliares, sistema nervioso central e melanoma.
Con isto, os pacientes galegos recibirán diagnoses máis precisas e tratamentos máis eficaces, con menos efectos secundarios e mellores resultados.