A Xunta recibe preto de 600 solicitudes para levar a cabo proxectos de desenvolvemento rural no marco da intervención Leader
A conselleira María José Gómez visitou esta mañá a Clínica Santo Tomé de Taboada, beneficiaria destas achegas, onde puxo en valor a convocatoria de 2025 dotada con 12,6 millóns de euros, que pechou o prazo de solicitude recentemente
Ademais, salientou que se presentaron unha trintena de solicitudes para o Bono Activa Rural, unha iniciativa novidosa para a posta en marcha de actividades non agrarias nestas contornas
A intervención Leader conta cun orzamento de 56,9 millóns de euros ata o ano 2027, dos cales 39,6 millóns son para financiar as operacións a terceiros
Taboada (Lugo), 17 de xuño de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe a Clínica Santo Tomé de Taboada, beneficiaria das axudas da intervención Leader, onde puxo en valor os datos acadados pola convocatoria de 2025 das achegas para a execución de operación en apoio a terceiras persoas. Neste sentido, salientou que se recibiron preto de 600 solicitudes para a posta en marcha de diferentes proxectos de desenvolvemento rural no marco desta convocatoria, incluída no Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) e dotada cun orzamento de 12,6 millóns de euros.
Estas achegas son xestionadas polos grupos de desenvolvemento rural (GDR) e con elas financiaranse iniciativas que supoñan a posta en marcha de proxectos produtivos xeradores de emprego e de proxectos non produtivos que beneficien ao conxunto da poboación en xeral.
Como novidade neste período da intervención, esta convocatoria inclúe o Bono Activa Rural. Neste sentido, a conselleira sinalou que se recibiron unha trintena de solicitudes desta subvención, baseada nun importe de axuda a tanto global destinada á creación e posta en marcha de actividades non agrarias nestas contornas, cunha aportación máxima de ata 18.000 euros. Esta axuda non está vinculada á xustificación de ningún gasto ou investimento, senón que se relacionará co mantemento da actividade e co cumprimento do plan empresarial presentado pola persoa seleccionada durante, polo menos, cinco anos.
Case 57 millóns de euros ata 2027
Neste novo período Pepac, a intervención Leader está dotada con 56,9 millóns de euros ata o ano 2027. Deste orzamento, 17,6 millóns foron destinados para sufragar os gastos de funcionamento dos GDR e os 39,6 millóns restantes teñen como fin financiar as operacións a terceiros.
Durante o período anterior, mentres a intervención estivo incluída na medida 19 do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia, o programa Leader permitiu aprobar máis de 1.500 proxectos, consolidar máis de 4.000 empregos e crear uns 1.100 novos. Así, mobilizáronse máis de 169 millóns de euros, cunha axuda pública de 77,5 millóns de euros para operacións a terceiros.
Clínica Santo Tomé
A conselleira do Medio Rural destacou que esta liña de axudas contribúe a posta en marcha de proxectos como o da Clínica Santo Tomé, que grazas a esta medida de apoio, contou cunha aportación de preto de 114.000 euros a través do GDR Miño Ulla para a súa instalación e apertura.
Estas instalacións reúnen a profesionais de distintas disciplinas sanitarias co obxectivo de ofertar unha sanidade de calidade na zona de Taboada, empregando a última tecnoloxía no ámbito sanitario.