A conselleira de Política Social e Igualdade visita as instalacións do balneario de Mondariz

Fabiola García destaca que o programa Benestar en Balnearios está consolidado como un referente do envellecemento activo e saudable en Galicia

A conselleira de Política Social e Igualdade lembra que as persoas interesadas poden solicitar praza desde hoxe ata o vindeiro 16 de xullo

A Xunta oferta estancias de 10 días en 15 establecementos hoteleiros diferentes con réxime de pensión completa

O orzamento desta convocatoria ascende a 331.000 euros, un 11% máis que na edición anterior

Mondariz-Balneario (Pontevedra), 17 de xuño de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá as instalacións do Balneario de Mondariz, un dos establecementos nos que se desenvolve o programa Benestar en Balnearios. Na súa visita, destacou que esta iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia se consolidou nos últimos anos como un referente do envellecemento activo e saudable en Galicia.

Fabiola García sinalou que desde hoxe ata o vindeiro 16 de xullo as persoas interesadas en participar neste programa poderán solicitar a súa praza. A convocatoria, publicada onte no Diario Oficial de Galicia, está destinada ás persoas maiores de 60 anos ou pensionistas de máis de 55, que poden desfrutar dunha estadía en réxime de pensión completa durante 10 días nun dos 15 establecementos hoteleiros adheridos.

A nova convocatoria do programa Benestar en Balnearios ofrece 1.276 prazas, 41 máis que na edición anterior, e que se desenvolveran en diferentes quendas desde o mes de xullo ata decembro. Ademais, a Xunta de Galicia destina 331.000 euros de orzamento para esta edición e que supón un incremento dun 11% máis con respecto á do ano 2024.

A conselleira de Política Social e Igualdade lembrou que esta iniciativa, que suma 11 edicións, é unha mostra máis do compromiso do  Executivo galego para garantir o benestar dos maiores. Deste xeito, recalcou que “no século XXI facerse maior xa non ten connotacións negativas”, polo que o Goberno galego ofrece a esta nova xeración de maiores -dixo- todas as facilidades e beneficios para aproveitar a súa vellez. Neste sentido, fixo mención, ademais desta iniciativa, ás aulas sénior, ao programa Xuntos polo Nadal ou ao Carné +65.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/06/2025