Belén do Campo anima aos beneficiarios do Carné +65 a aproveitar os descontos e o acceso a servizos desta iniciativa

A delegada da Xunta visitou a óptica Balneario Visión en Arteixo, un dos establecementos adheridos a esta medida e animou a que se sigan unindo máis locais

A representante do Goberno autonómico explicou que se alguén non o recibise na casa existe un correo electrónico para poder solicitalo (carne65.maiores@xunta.gal)

Arteixo (A Coruña), 18 de xuño de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, participou, esta mañá, nun encontro con maiores de 65 anos para dar a coñecer os beneficios do Carné +65 da Xunta de Galicia. Unha iniciativa que ofrece facilidades aos maiores galegos incluíndo descontos e acceso a servizos culturais, de ocio ou sanitarios. Belén do Campo subliñou que “o que buscamos con este programa é que a xente maior se anime a mercar a facer actividades ofrecendo importantes descontos”.

Neste senso, apuntou a necesidade de seguir dando a coñecer as “oportunidades e vantaxes” deste carné a usuarios e establecementos para fomentar o seu uso. A representante do Goberno autonómico explicou que se alguén non o recibise  na casa existe un correo electrónico para poder solicitalo (xestion.carne65.maiores@xunta.gal). Este carné non necesita ser activado e tampouco caduca. Tan só haberá que presentalo nos establecementos asociados para aproveitar os seus beneficios.

O Carné+65 é cen por cen gratuíto e abrangue ao redor de 1.000 establecementos espallados por toda a xeografía galega. Entre as posibilidades que ofrece o carné atópanse descontos directos de ata o 30%,  beneficios especiais en numerosas actividades e vantaxes nunha ampla variedade de servizos e establecementos turísticos, comerciais e de ocio de Galicia. Neste caso, en concreto, a  delegada da Xunta tamén visitou en Arteixo o establecemento adherido a óptica Balneario Visión que fai un desconto do 20% aos usuarios do carné, neste concello tamén están adheridos Arteixo centro de Fisioterapia, centro de estética Fátima Fernández e Lencería Maneux. Nesta liña, animou a que se sigan adherindo máis locais na páxina web para que máis persoas se poidan seguir beneficiando destas vantaxes. En Galicia xa están adheridos a día de hoxe case 900 establecementos, dos cales, 325 están na provincia da Coruña, un 36%.

Toda esta información está recollida na páxina web Carné +65, na que se poden consultar toda a relación de establecementos e onde se poden informar dos beneficios que ofrece o carné.

Benestar en Balnearios

No encontro a delegada tamén animou aos asistentes a participar no programa Benestar en Balnearios, dirixido a persoas maiores de 60 anos e a pensionistas de máis de 55 anos, que ofrece estadías en 15 establecementos de Galicia. As persoas interesadas poden presentar as súas solicitudes ata o 16 de xullo. Belén do Campo destacou que esta iniciativa se consolidou  nos últimos anos como un referente do envellecemento activo e saudable na nosa comunidade.

Na edición deste ano ofrecénse 1.276 prazas en quendas repartidas ao longo dos meses de xullo e ata decembro. O programa oferta estadías de 10 días en réxime de pensión completa en 15 establecementos galegos.

A Xunta destina a esta convocatoria máis de 331.000 euros, o que supón un 11% máis de orzamento que na pasada edición. Esta iniciativa é unha mostra máis do compromiso do Goberno galego para garantir o envellecemento activo e saudable das persoas maiores, contribuíndo ao seu benestar e a evitar situacións de dependencia ou soidade non desexada.

Apoio aos maiores

O  Goberno galego segue avanzando no impulso de medidas que permitan garantir unha vida activa, saudable e independente, entendendo o envellecemento activo non só como a actividade física, senón tamén a intelectual e a participativa. En concreto, Belén do Campo, lembrou que dentro dos programas de envellecemento activo e loita contra a soidade non desexada figuran medidas como o Carné +65, o programa Benestar en Balnearios, as Casas do Maior, o programa Xuntos polo Nadal, ou as aulas senior.

No encontro Belén do Campo destacou o papel fundamental que xogan os maiores na construción da sociedade actual e reafirmou o compromiso da Xunta con eles “porque teñen moito que aportar”.

A delegada da Xunta lembrou o desenvolvemento por parte da Xunta de dúas estratexias deseñadas para o colectivo de maiores: a Estratexia galega contra a soidade non desexada e a Estratexia contra o idadismo.

A representante do Goberno autonómico destacou que Estratexia contra o idadismo é un plan da Xunta de Galicia para combater a discriminación por idade, especialmente contra as persoas maiores. A estratexia, que abrangue o período 2025-2031, busca transformar a percepción social do envellecemento e promover unha sociedade máis inclusiva. A Estratexia galega contra a soidade non desexada está dotada con 145 millóns de euros e incorpora medidas transversais dirixidas á detección, sensibilización, prevención e intervención para favorecer un envellecemento saudable a todos os galegos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2025