A Xunta abre a convocatoria das axudas a proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global a executar polas ONGD
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as liñas de subvencións para iniciativas que impulsen o desenvolvemento social, cun orzamento total de 720.000 €
O prazo para a presentación de solicitudes comeza mañá e prolóngase un mes
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para a realización de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global e que executarán as Organizacións Non Gobernamentais de Desenvolvemento (ONGD). A nova convocatoria estará dotada cun orzamento total de 720.000 euros, o maior dos últimos anos nunha liña que leva publicándose anualmente, de forma ininterrompida, dende o ano 1996. A dotación para as subvencións da convocatoria actual estará distribuída en 288.000 euros en 2025 e 432.000 no ano 2026.
Poderanse financiar actividades que se desenvolvan en Galicia e que forman parte da educación para o desenvolvemento desde catro dimensións: a sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza, a formación sobre o desenvolvemento e a súa difusión nos ámbitos educativos e a investigación neste ámbito, así como a incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na sociedade.
As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as ONGD e agrupacións lideradas por ONGD cos outros axentes de cooperación, isto é, universidades, empresas e organizacións empresariais, sindicatos, as comunidades galegas no exterior, e outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.
O importe máximo para proxectos individuais executados só neste 2025 será de 26.000 euros e de 37.000 euros se se trata de iniciativas plurianuais. No caso de proxectos plurianuais presentados por varias entidades en agrupación a contía da axuda poderá acadar os 47.000 euros se son programas plurianuais e de 36.000 euros se son anuais.
A Xunta destaca a importancia da educación para o desenvolvemento, ao tratarse dun valor engadido da cooperación descentralizada que cómpre potenciar dende a cooperación galega, tendo en conta, ademais, que a meirande parte das ONGD galegas traballan neste eido como unha das súas liñas estratéxicas.
As entidades interesadas en solicitar estas axudas poderán facelo dende mañá e cun mes de prazo de maneira electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).