Turismo de Galicia optimiza a atención e o servizo ao peregrino do Camiño de inverno con melloras no albergue da Rúa
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asinou o convenio que permitirá renovar o sistema de calefacción e o mobiliario, entre outras accións
Merelles visitou tamén o CEIP Manuel Respino para acompañar ao alumnado no marco da promoción do programa Vexo Veo Xacobeo
Ademais, participou na presentación da futura Ruta do Viño Valdeorras BTT que conta co apoio da Xunta de Galicia
A Rúa (Ourense), 19 de xuño de 2025
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, realizou este xoves unha visita ao concello da Rúa, onde asinou coa súa alcaldesa, María González Albert, un convenio de colaboración destinado a realizar actuacións de mellora no albergue de A Rúa. En concreto, Turismo de Galicia financiará as accións dirixidas “a facer máis funcional estas instalacións e optimizar o servizo ao peregrino”.
Este albergue está localizado no Camiño de Inverno e, desde que se puxera en marcha en marzo de 2024, recibiu xa a máis de mil persoas. Esta ruta comeza en Ponferrada e percorre as catro provincias galegas. No que vai de ano, segundo explicou Xosé Merelles, “esta ruta está a medrar a un ritmo do 12% con respecto ao mesmo período do pasado ano, espertando, sobre todo, o interese de peregrinos de orixe internacional que supoñen o 43% do total”.
Segundo o acordo asinado hoxe, o proxecto inclúe entre as melloras que se van realizar, o aumento da potencia eléctrica, a renovación dos sistemas de calefacción e de frío/quente, e a renovación do mobiliario dos dormitorios -camas e liteiras- en busca de estruturas máis duradeiras e de maiores dimensións. O albergue dispón de 13 prazas en dous dormitorios compartidos.
O director de Turismo de Galicia salientou que con esta actuación, “a Xunta busca potenciar o Camiño de Inverno na súa estratexia de descentralización do fenómeno xacobeo promovendo as distintas rutas, ao tempo que se revaloriza o interese turístico dos municipios polos que pasan, converténdose en activos económicos do territorio e logrando atraer máis visitantes”.
Clausura do Vexo Veo Xacobeo
Previamente, o director de Turismo de Galicia visitou o Centro de Educación Infantil e Primaria Manuel Respino, que acolleu a última actividade do calendario 2024-25 do programa Vexo Veo Xacobeo, consistente en xincana e contacontos, na que participaron 194 alumnos. Con esta péchase a tempada, durante a cal o proxecto visitou seis centros en Ourense situados na Vía da Prata e outro no Camiño de Inverno. En concreto, esta última actuación tivo un carácter promocional, de cara a impulsar a participación de outros centros o vindeiro ano.
Vexo Veo Xacobeo naceu como un proxecto piloto de Turismo de Galicia en 2021, dirixido a transmitir o fito xacobeo no eido educativo. Inicialmente dirixido ao 2º ciclo de Educación Infantil e ao 1º ciclo de Primaria, a boa acollida desa primeira edición en 10 centros favoreceu a súa ampliación a outros rangos de idade e a participación de colexios de fóra das rutas oficiais do Camiño de Santiago, sempre que se comprometan a traballar sobre unha ruta recoñecida.
Durante a convocatoria de 2024-25, 30 centros de Galicia participaron no programa, chegando a 1.870 estudantes da comunidade.
Ruta do Viño Valdeorras BTT
Por último, Xosé Merelles participou na presentación da Ruta do Viño Valdeorras BTT. Unha iniciativa que, como destacou o director de Turismo de Galicia, “pon en valor a riqueza vitivinícola da zona e a vincula coa tradición deportista, ofrecendo un produto turístico único e singular”. Este circuíto desenvolverase o próximo 19 outubro co apoio da Xunta de Galicia e contará con dúas versións: unha ruta larga de 43,4 quilómetros e a curta, con 37,5 quilómetros.