A Xunta respaldará con preto de 442.000 € os Centros de Información á Muller, servizos de conciliación e accións de igualdade en catorce concellos de Ferrolterra
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, deron conta da resolución do programa autonómico que permitirá aos concellos manter os CIM, poñer en marcha actuacións contra a violencia de xénero ou facilitar a corresponsabilidade
Algo máis de 206.000 euros irán destinada a apoiar o mantemento dos catro Centros de Información á Muller de Ferrol, As Pontes, Ares e Ortigueira
Ortigueira, 23 de xuño de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto á directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, e o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, visitaron esta mañá o Centro de Información á Muller deste concello para informar da resolución da convocatoria de axudas concedidas aos concellos por importe de 12,2 M€ a través de tres programas: plan Corresponsables, promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero e, por último, apoio ós centros de información á muller (CIM). A Xunta de Galicia investirá preto de 442.000 euros nas axudas dirixidas a estes tres programas en 14 municipios de Ferrolterra.
Martina Aneiros lembrou que a Xunta de Galicia segue reforzando o seu apoio aos concellos cunha achega de máis de 5 M€ destinados ao terceiro dos programas, á consolidación dos CIM e ao financiamento do pago de 217 postos de traballo destes centros, o que supón un incremento dun 12% con respecto ao ano anterior. En concreto, nas comarcas de Ferrol, 206.000 euros irán destinados ós catro CIM de As Pontes de García Rodríguez, Ares, Ferrol e Ortigueira.
Na súa visita ao CIM de Ortigueira a delegada sinalou a importancia que ten que a nosa comunidade conte cunha ampla rede de centros deste tipo nos que as mulleres reciben información e axuda xurídica, psicolóxica ou de calquera outro tipo, destacando a relevancia da colaboración entre administracións para lograr unha sociedade libre de machismo.
A Xunta de Galicia ten en marcha o Plan integral de renovación e ampliación dos CIMs co obxectivo de analizar a realidade destes centros, a través da escoita activa de todo o persoal profesional, e así poder elaborar un plan con obxectivos e accións específicas.