A Xunta inviste preto de 130.000 euros na mellora da xestión de residuos do concello de Rodeiro
As axudas concedidas polo Executivo galego permitiron ampliar o punto limpo fixo existente no municipio e adquirir un punto limpo móbil
O delegado territorial incidiu na importancia da educación e sensibilización para que a veciñanza comprenda a importancia dunha boa xestión do lixo
Rodeiro (Pontevedra), 23 de xuño de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o punto limpo de Rodeiro que foi ampliado grazas a unha axuda da Xunta de preto de 60.000 euros.
Así, acompañado polo alcalde de Rodeiro, o delegado territorial puido comprobar o resultado dos traballos de ampliación que consistiron na mellora dos sistemas de seguridade e na instalación de novos contedores que permiten a recollida, separación e eliminación de máis tipos de residuos.
Ademais, o concello adquiriu un punto limpo móbil grazas a unha achega do Goberno autonómico de preto de 70.000 euros.
O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar a importancia de facer unha boa xestión dos residuos e incidiu na importancia de facer boas políticas de sensibilización que consigan educar e convencer á cidadanía na adopción de bos hábitos.
“A Administración leva moitos anos facendo un gran esforzo para mellorar a xestión e reciclaxe dos residuos, pero todo investimento é inútil se as veciñas e veciños non colaboran seguindo as directrices que marcan os concellos e esforzándose por manter unha contorna limpa e libre de contaminación”, concluíu.