A Xunta ten aberta a orde de axudas para a creación de novas Casas do Maior
O orzamento desta convocatoria supera o millón de euros e permitirá poñer en marcha ata 20 novos recursos
Galicia conta na actualidade con 142 equipamentos deste tipo que ofertan máis 700 prazas gratuítas para a atención ás persoas maiores
Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2025
A Xunta ten aberto desde hoxe, e durante un mes, o prazo de presentación de solicitudes para a creación de casas do maior, dirixidas ao coidado de persoas maiores que son totalmente gratuítos para as familias usuarias. O Executivo autonómico destina algo máis dun millón de euros a esta orde de axudas para as anualidades 2025-2026, que permitirá poñer en funcionamento ata unha vintena de novas casas do maior en concellos de menos de 5.600 habitantes que non conten con recursos de atención diúrna.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) de onte publica as bases que rexen a concesión destas subvencións. As persoas interesadas deberán presentar obrigatoriamente as súas solicitudes por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Esta é a sexta convocatoria para a creación de casas do maior que aproba o Goberno galego. Desde que no ano 2018 se aprobou a primeira o número de equipamentos deste tipo non parou de medrar e hoxe Galicia conta con 142. Polo tanto, esta orde de subvencións podería ampliar esta rede de coidados de proximidade ata as 162 unidades e as 810 prazas de balde.
Como xa acontecía na orde do ano pasado, esta mantén unha axuda adicional de 150 euros semanais nos casos de baixa por maternidade ou permiso de paternidade da persoa encargada da casa do maior durante o período que dure dita baixa ou permiso.
Así mesmo, lembrar que, a través desta orde, a Xunta concede por casa do maior ata un máximo de 15.000 euros para obras de acondicionamento e 24.800 euros ao ano como axuda para o seu funcionamento. Adicionalmente, aboaranse 10 euros por persoa e día a aquelas promotoras que asuman o desprazamento dos usuarios.
Atención personalizada en horario flexible
As casas do maior son recursos de proximidade que garanten aos maiores do rural ter acceso a unha atención individualizada sen saír da súa contorna e 100 % gratuíta. Esta atención comprende a manutención, a hixiene e o desenvolvemento de actividades de lecer e cognitivas. Cada casa pode atender ata a cinco persoas maiores durante un máximo de oito horas diarias de luns a venres en horario flexible e durante todo o ano, agás os días festivos e o mes de vacacións no que o equipamento permanecerá pechado por vacacións.
A Xunta aposta por continuar estendendo as casas do maior por todo o territorio galego porque melloran a calidade de vida dos seus usuarios, facilitan a conciliación das familias, axudan a fixar poboación no rural e a dinamizar a economía dos concellos nos que se asentan.