No marco da conmemoración do Día mundial contra a droga, que se celebra mañá
A Xunta remarca a importancia da prevención contra as adiccións, que Galicia reforzará coa nova Lei de protección da saúde das persoas menores
O Goberno galego ultima a tramitación dunha norma pioneira na protección da infancia fronte ao consumo de novos produtos como os vapeadores
O modelo galego de prevención implica a toda a sociedade, incluíndo, tanto a intervención temperá nos servizos sanitarios, como a formación ás familias e nos centros educativos
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2025
Coincidindo coa celebración do Día mundial contra a droga, mañá 26 de xuño, a Xunta subliña a relevancia de previr as adiccións, algo que se reforzará en Galicia coa nova Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas que está a impulsar.
O texto legal será remitido proximamente ao Consello da Xunta para a súa aprobación e posterior remisión á Cámara galega para a tramitación parlamentaria. Esta lei contempla aspectos pioneiros a nivel internacional como a equiparación das bebidas enerxéticas ao alcohol e dos vapeadores ao tabaco.
Desta forma, os menores de idade terán prohibido comprar e consumir estes produtos e, no que respecta aos vapeadores, tamén se evitará a súa exposición como fumadores pasivos en máis espazos.
A lei tamén establece a formación específica para docentes, persoal sanitario e familias e o deseño de protocolos de detección temperá de adiccións.
A estratexia galega de fomentar a prevención de condutas adictivas permitiu que o consumo diario de tabaco baixase ao 25,5 %, descendendo de forma sostida desde o ano 2022. Tamén caeu o xogo de azar diario entre adolescente, máis da metade desde 2019.
Ademais comezan a medirse novas adiccións como a adicción á internet ou á pornografía, o que permite actuar antes e mellor.