O conselleiro de Sanidade remarca que a Xunta conta xa con 264 profesionais voluntarios para axudar no verán e garantir unha asistencia sanitaria de calidade
Gómez Caamaño sinala que para a cobertura de postos de médicos nos puntos de atención continuada xa se sumaron preto de 150 médicos de familia
Tamén o Servizo Galego de Saúde ten anotados 20 facultativos do 061 para as necesidades nos puntos de atención continuada
Na actualidade, 95 MIR de cuarto ano aceptan participar no plan de verán
En canto aos hospitais, neste verán manteranse activo preto do 92 % das camas pero dispoñible a totalidade delas no caso de que sexan necesarias
O conselleiro incide en que o plan do Servizo Galego de Saúde está baseado na demanda asistencial real
Agradece o labor e o compromiso dos profesionais da sanidade pública galega
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, remarcou hoxe, no Pleno do Parlamento, que a Xunta conta xa con 264 profesionais voluntarios para axudar no verán a garantir unha asistencia sanitaria de calidade á cidadanía.
O titular da carteira sanitaria referiuse esta mañá á recente aprobación por parte da Xunta do Plan de cobertura de atención primaria para o período estival, dotado con máis de 12 millóns de euros, que posibilitará unha atención sanitaria adecuada nunha época na que cómpre conxugar o aumento da poboación nas zonas costeiras e o merecido descanso do persoal do Servizo Galego de Saúde.
Segundo o conselleiro, esta planificación organízase mediante un programa de medidas ordinarias e outras extraordinarias. Así, para a xestión ordinaria, a Xunta destina preto de 9 millóns de euros á contratación de substitucións e reforzos nas zonas que o precisen.
Medidas extraordinarias
Respecto das medidas extraordinarias, que acadan os 3,2 millóns de euros, o conselleiro dixo que consisten nun programa de dispoñibilidade de médicos de familia nos puntos de atención continuada; un programa especial de apoio á atención primaria por parte do persoal do 061; unha oferta de mobilidade temporal de profesionais para os centros con necesidades prioritarias; e a encomenda de funcións ao persoal residente de cuarto ano.
No que atinxe á primeira das medidas extraordinarias, que é a dispoñibilidade de médicos de familia nos puntos de atención continuada, o conselleiro dixo que con esta iniciativa, á que xa se sumaron preto de 150 profesionais, o Servizo Galego de Saúde busca establecer listaxes abertas e específicas de persoal voluntario dispoñible, en réxime de localización, para cobertura de postos de médico de familia nos puntos de atención continuada.
Da segunda das medidas extraordinarias, a referida ao programa especial de apoio á atención primaria por parte do 061, o Servizo Galego de Saúde xa conta con 20 profesionais anotados nesta bolsa específica para que os médicos do 061 poidan participar voluntariamente na cobertura de necesidades nos PAC.
Sobre a terceira das medidas extraordinarias, o ofrecemento ao persoal sanitario da opción de prestar servizos temporalmente nun centro de saúde distinto ao do seu destino, Gómez Caamaño incidiu en que vai especialmente destinada aos centros de saúde dos concellos turísticos que incrementan de xeito significativo a súa poboación no verán.
En canto á encomenda de funcións ao persoal residente de cuarto ano, que é a outra das iniciativas extraordinarias impulsadas polo Servizo Galego de Saúde, a día de hoxe 95 residentes xa aceptaron participar.
A novidade é que por primeira vez despois da covid, os MIR de cuarto ano finalizan a súa formación a finais de xullo, polo que se poderán incorporar aos contratos ordinarios do Servizo Galego de Saúde.
Esta encomenda, que é voluntaria e supervisada, ten por obxecto realizar unha ou varias das seguintes funcións: atención da consulta ordinaria dunha cota dun centro de saúde; a prolongación de xornada para a cobertura de ausencias; e a realización de gardas nos PAC ou nas urxencias hospitalarias.
Recursos hospitalarios
No que atinxe aos recursos hospitalarios, o conselleiro dixo que o 100 % das camas estarán dispoñibles para ser usadas.
Este verán mantéñense activas preto do 92 % delas e dispoñibles a totalidade no caso de que sexan necesarias.
Para contar cunha maior garantía, á estimación de ocupación de camas engádese unha marxe de seguridade de entre o 10 % e o 12 % por riba do rexistrado en anos anteriores, co obxecto de garantir a correcta atención sanitaria aos pacientes.
O conselleiro incidiu en que o Plan garante a eficiencia nos servizos de atención primaria e nos puntos de atención continuada, á vez que deixa patente o esforzo orzamentario realizado pola Xunta para cubrir o período estival, tendo en conta, ademais, a falta de médicos, problema que corresponde solucionar ao Goberno central, e que semella non querer actuar.
Para rematar as súas verbas, Gómez Caamaño remarcou que o plan está realizado con criterio e baseándose na demanda asistencial real, á vez que aproveitou a súa intervención para agradecer o labor de todos os profesionais, especialmente a aqueles que este verán botarán unha man para reforzar a atención sanitaria.