Román Rodríguez destaca que a neutralidade ideolóxica nas aulas garante o pluralismo social, o pensamento crítico e os valores democráticos

O conselleiro de Educación defende no Parlamento a responsabilidade do Goberno galego de “formar cidadáns libres e críticos nunha sociedade plural e aberta”

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destaca que o principio de neutralidade ideolóxica recollido nas instrucións para a organización do inicio de curso garante o pluralismo social, o pensamento crítico e a defensa dos valores constitucionais nas aulas, xa que se trata “dun valor fundamental tanto desde o punto de vista educativo como desde o democrático”.

Así o sinalou esta mañá no Pleno do Parlamento de Galicia, onde explicou que, fronte ás críticas recibidas dun sector, o Goberno galego quere afianzar a convivencia, a igualdade, a tolerancia e o respecto á diversidade como eixos vertebrais do sistema educativo galego formando “cidadáns libres e críticos nunha sociedade plural e aberta”. Neste senso, a neutralidade ideolóxica é precisamente o que garante o pluralismo fronte á imposición, fomenta o pensamento crítico fronte ao pensamento único e defende os valores universais fronte a postulados de parte, abondou o titular de Educación.

Román Rodríguez amosouse sorprendido porque a día de hoxe sexa necesario defender a neutralidade ideolóxica no ensino, máxime cando se trata dun principio regulado por lei orgánica en España desde hai 40 anos, o que demostra que é necesario poñer o foco nesta cuestión de cara ao vindeiro curso en Galicia, como o vén de facer a Consellería a través das instrucións de inicio de curso, un procedemento ordinario e habitual que axudan aos centros a organizar e planificar o desenvolvemento da actividade lectiva.

Máis tolerancia e mellor convivencia

Na liña de traballo da Xunta por seguir traballando en prol dun ensino equitativo e de calidade, as instrucións tamén recollen este ano cuestións como o tempo de ler ou o reforzo da autoridade do profesorado en aras de mellorar o clima de convivencia nas aulas. No que atinxe a esta última cuestión, materializarase cun procedemento específico de actuación ante calquera ameaza, falta de respecto ou agresión, tanto verbal como física ou a través das redes sociais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2025