A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe a actuación realizada

A Xunta remata a nova senda que une as parroquias de Bamio e Carril en Vilagarcía de Arousa, na que investiu preto de 330.000€

Ademais do itinerario peonil creado na contorna da intersección das estradas PO-548 e PO-192, os traballos permitiron garantir un acceso seguro ao cemiterio de Carril coa execución dun paso de peóns e unha pasarela de madeira dende a estrada

A conselleira anunciou que a Xunta dará continuidade ao novo itinerario peonil ata o núcleo urbano de Carril con outra senda que se abordará a través de dúas actuacións

Allegue destacou que a actuación se enmarca no Plan de Sendas da Xunta, que permitiu nos últimos anos acadar máis de 21 quilómetros de itinerarios seguros na comarca do Salnés

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 26 de xuño de 2025

A Xunta vén de rematar en Vilagarcía de Arousa as obras de mellora da mobilidade peonil na contorna da intersección das estradas PO-548 e PO-192, coas que se habilitou unha nova senda peonil que comunica as parroquias de Bamio e Carril. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe a actuación realizada, na que se investiron preto de 330.000 euros, e anunciou que a Xunta dará continuidade a este novo itinerario peonil ata o núcleo urbano de Carril.

A intervención executada permitiu habilitar unha senda peonil entre as parroquias de Bamio e Carril, conectando as beirarrúas existentes nos extremos. Ademais, dotouse tamén dun acceso peonil ao cemiterio de Carril, un dos puntos máis transitados nesta contorna, coa execución dun paso de peóns regulado mediante un semáforo con pulsador e unha pasarela de madeira de baixada ao cemiterio dende a estrada. A actuación completouse coa instalación de 22 novos puntos de luz para reforzar a seguridade.

A conselleira destacou a actuación realizada, “coa que veciños e visitantes xa poden ir camiñando de xeito seguro e saudable” entre as citadas parroquias e que se enmarca no Plan de Sendas que ten en marcha a Xunta para dotar de itinerarios peonís seguros ás estradas autonómicas.

Ademais, anunciou que se dará continuidade á senda inaugurada ao longo da PO-548 cara ao núcleo urbano de Carril, unha actuación demandada polo Concello e a veciñanza, “de modo que se estenda a mellora de accesibilidade executada”.

Allegue sinalou que se abordará esta prolongación da senda a través de dúas actuacións. Así, a Xunta prevé executar neste 2025 o treito máis próximo a Carril (200m) da futura senda, onde actualmente terminan as beirarrúas. E o tramo restante (outros 200m) abordarase no 2026 cunha obra de mellora de paradas de autobús que se está a proxectar nas rutas de acceso polo norte á cidade de Pontevedra.

Plan de Sendas

A conselleira lembrou que estas intervencións se suman ás xa rematadas no marco do Plan de Sendas na bisbarra do Salnés, cun investimento nos últimos anos máis de 12 M€ para acadar máis de 21 km lineais de itinerarios peonís. Entre eles, a senda da  estrada PO-308 entre Portonovo e A Lanzada, as sendas na PO-307 e na PO-549 en Vilanova de Arousa, ou a senda na PO-300 en Cambados.

“O noso compromiso para ir aumentando estes itinerarios peonís e ciclistas en Galicia é firme”, subliñou Allegue, que citou que na comunidade son xa 300 os quilómetros acadados de sendas a través deste plan, que foi premiado pola Unión Europea.

O Goberno galego está inmerso xa na segunda fase deste programa, para estender a rede de sendas noutros 120 quilómetros ata 2027. “Seguiremos -indicou- no camiño de garantir desprazamentos seguros para a cidadanía e, ao mesmo tempo, acadar unhas infraestruturas sostibles e saudables”. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2025