Medio Rural salienta a importancia das agrupacións forestais de xestión conxunta para o monte galego

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal participou esta mañá na apertura do I Simposio Ibérico de Silvicultura, no que expuxo as vantaxes deste tipo de asociacións

José Luis Chan explicou que estas asociacións permiten mellorar a eficiencia económica, aumentar o acceso de recursos e subvencións e promover prácticas forestais máis sostibles e responsables

A súa finalidade é promover a rendibilidade silvícola e a promoción da xestión forestal sostible dende un punto de vista económico, ambiental e social

Boqueixón (A Coruña), 26 de xuño de 2025

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou esta mañá na apertura do I Simposio Ibérico de Silvicultura que se está a desenvolver hoxe no Pazo de Quián, no concello coruñés de Boqueixón.

Durante a súa intervención neste congreso, organizado por Galiforest Abanca, José Luis Chan expuxo as vantaxes das agrupacións forestais de xestión conxunta para o monte galego. Estas asociacións permiten mellorar a eficiencia económica, aumentar o acceso de recursos e subvencións e promover prácticas forestais máis sostibles e responsables.

Segundo destacou o director xeral, a súa finalidade é promover a rendibilidade silvícola e a promoción da xestión forestal sostible dende un punto de vista económico, ambiental e social. Chan incidiu en que, ao formar parte dunha agrupación forestal de xestión conxunta, os propietarios poden contar con asesoramento técnico especializado que mellora as prácticas de xestión e aproveitamento forestal, favorecendo unha mellor planificación a longo prazo.

Seguindo esta liña, o director xeral explicou que estas asociacións ofrecen importantes vantaxes na comercialización conxunta de madeira ao permitir obter mellores prezos e oportunidades de comercialización que a que obterían na comercialización individual. Asemade, facilitan a implementación de plans preventivos como a limpeza de biomasa forestal ou a creación de cortalumes, contribuíndo de xeito directo á prevención dos lumes forestais.

Achegas específicas

Jose Luis Chan lembrou que a Xunta de Galicia convocou neste 2025 unha convocatoria de achegas específica para fomentar a creación e apoio das Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta cun orzamento bianualizado de 1,4 millóns de euros. Por outra banda, a anterior convocatoria destas axudas permitiu duplicar o número de asociacións rexistrados, permitindo a creación de 20 novas entidades deste tipo, ata chegar ás 44 agrupacións en trámite. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2025