O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, interveu hoxe na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia
O Servizo Galego de Saúde subliña a calidade da atención do Centro de Orientación Familiar da Coruña, que no último ano acadou preto de 6.700 asistencias
O responsable do Sergas destaca o modelo de atención adoptado para garantir a atención á saúde sexual e reprodutiva de todas mulleres da área sanitaria da Coruña e Cee conforme ás necesidades actuais
Lembra que a Xunta non só está a asumir os seus compromisos con este dispositivo, senón tamén os que lle corresponderían ao Concello en función do convenio vixente
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2025
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, subliñou esta mañá no Parlamento de Galicia a calidade da asistencia que presta o Centro de Orientación Familiar (COF) de Orillamar, co que garante a atención á saúde sexual e reprodutiva de todas as mulleres da área sanitaria da Coruña e Cee.
No marco da Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, Parada salientou a ampliación e actualización de servizos que o departamento sanitario da Xunta implementou nos últimos anos na carteira de servizos vencellada á saúde sexual e reprodutiva.
Na actualidade “contamos con novas prestacións, con novas técnicas e tratamentos”, un servizos, incidiu, que son prestados “dunha forma integral e integrada” pola rede sanitaria pública galega.
“Todos os días hai unha ou dúas axendas coas xinecólogas no COF e ábrense máis se a presión asistencial así o require”, informou Parada, apuntando que durante o último ano este Centro de Orientación Familiar da Coruña rexistrou un total de 6.684 asistencias.
Nesta liña, explicou que a organización xeral e as axendas dos profesionais do COF de Orillamar se modulan en función das necesidades e da demanda asistencial existente, co obxectivo de ofrecer á poboación “un modelo asistencial máis moderno, de maior calidade e máis eficiente”.
Ademais, indicou que para aqueles casos que presenten unha maior complexidade os servizos de Xinecoloxía e Obstetricia da área sanitaria contan con 6 facultativos especializados de atención á saúde sexual e un servizo integrado por un total de 40 especialistas.
Durante a súa intervención, o xerente do Servizo Galego de Saúde remarcou que a Consellería de Sanidade está a cumprir e a garantir o funcionamento do Centro de Orientación Familiar de Orillamar, malia o incumprimento das responsabilidades asumidas polo Concello da Coruña no convenio asinado co departamento sanitario do Goberno galego.
A Xunta garante a cobertura de todas as necesidades asistencias das mulleres da área sanitaria da Coruña e Cee, reiterou Parada, destacando que a Sanidade pública galega “conta cos profesionais mellor preparados e unha carteira de servizos que se foi adaptando ao longo dos anos de acordo ás necesidades sanitarias”.
Insistiu en que a Xunta non só está a asumir os seus compromisos con este dispositivo, senón tamén os que lle corresponderían ao Concello en función do convenio vixente.