A Xunta destaca o compromiso dos centros educativos galegos coa sostibilidade na 4ª edición dos Premios Zinkers

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participa na entrega dos galardóns, onde resultaron premiados dous centros galegos

Os colexios CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón, de Salvaterra de Miño, e CPR Nuestra Señora del Carmen, de Fisterra, reciben 2.500 € para desenvolver proxectos sobre transición ecolóxica

Madrid, 26 de xuño de 2025

A Xunta de Galicia celebrou o recoñecemento acadado por dous centros educativos galegos na 4ª edición dos Premios Zinkers, unha iniciativa da Fundación Repsol que aposta pola educación ambiental e a concienciación sobre a transición ecolóxica, o cambio climático e a sustentabilidade entre o alumnado de Primaria e Secundaria de todo o Estado.

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou no acto de entrega dos galardóns celebrado en Madrid e tamén formou parte dunha mesa redonda centrada nos retos educativos na era da dixitalización e da sustentabilidade, onde puxo en valor o traballo da comunidade educativa galega e destacou as políticas impulsadas pola Xunta para integrar os desafíos ambientais no sistema educativo a través da innovación, o pensamento crítico e a formación en valores. Neste contexto, destacou a importancia de “educar desde as aulas para transformar o futuro, cun ensino que forme cidadáns responsables e conscientes do seu papel no coidado do planeta”.

Os centros galegos premiados foron o Colexio CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón, de Salvaterra (Pontevedra), na categoría de Primaria, e o CPR Nuestra Señora del Carmen, de Fisterra (A Coruña), na categoría de Secundaria. Cada un dos centros premiados recibirá 2.500 euros para desenvolver un proxecto de innovación vinculado á transición enerxética e realizar actividades educativas co seu alumnado.

O primeiro destacou por traballos realizados polo alumnado de 6º curso arredor de conceptos como a economía circular, a mobilidade sostible ou o uso eficiente da enerxía. Pola súa banda, o centro de Fisterra puxo o foco na importancia da comunicación e da implicación comunitaria. O alumnado de 2º da ESO levou a cabo actividades orientadas a sensibilizar sobre a sostibilidade, implicando ás familias, entidades locais e veciñanza, e establecendo colaboracións con asociacións do propio municipio e doutros da contorna, o que permitiu ampliar o impacto e a repercusión do proxecto.

Compromiso do Goberno galego

Iniciativas como estas reflicten o compromiso da Xunta de Galicia cun modelo educativo que aposta pola responsabilidade, a creatividade e a acción transformadora desde as aulas. Neste sentido, programas como os Clubs de Ciencia, integrados na Estratexia Galega de Educación Dixital 2030, exemplifican esta aposta.

A través dunha metodoloxía baseada na indagación, a experimentación e a aprendizaxe colaborativa, estes clubs permiten que o alumnado participe activamente na construción do coñecemento, formulando preguntas, resolvendo problemas reais e desenvolvendo competencias clave para o século XXI.

Data de actualización: 26/06/2025