Educación convoca os premios extraordinarios de FP de grao superior e de ensinanzas artísticas para recoñecer a excelencia académica
O Goberno galego concederá un total de 29 galardóns, dotados con 1.000 euros cada un para distinguir o rendemento do alumnado
O prazo de solicitudes permanecerá aberto ata o 10 de agosto no caso dos premios de FP de grao superior e ata o 31 de xullo para os de ensinanzas artísticas
Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2026
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional convoca os premios extraordinarios de Formación Profesional de grao superior e de ensinanzas artísticas, uns recoñecementos cos que a Xunta de Galicia distingue a excelencia académica do alumnado que rematou os seus estudos no curso 2025/26. En total concederanse 29 premios: 23 correspondentes á Formación Profesional de grao superior e 6 ás ensinanzas artísticas, dotados con 1.000 euros cada un. As solicitudes de inscrición xa poden tramitarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Premios extraordinarios de FP de grao superior
No caso dos premios extraordinarios de FP de grao superior, poderán optar os estudantes que obtivesen unha cualificación final igual ou superior a 8,5 puntos no ciclo formativo cursado. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 10 de agosto. A obtención deste recoñecemento permitirá, ademais, concorrer aos correspondentes Premios Nacionais de Formación Profesional de Grao Superior, logo da súa inscrición.
Premios para as ensinanzas artísticas
Pola súa banda, a convocatoria dos premios extraordinarios de ensinanzas artísticas contempla un máximo de seis galardóns: tres no ámbito da Música, un no ámbito de Danza e dous no ámbito de Artes Plásticas e Deseño, tamén cunha dotación económica de 1.000 euros cada un. O prazo para solicitar estes premios permanecerá aberto ata o 31 de xullo.
Poderá participar o alumnado que finalizase as ensinanzas profesionais de Música, de Danza, ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño, no curso 2025/26, en centros públicos ou privados autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia, e que obtivese unha nota media igual ou superior a 8,75 puntos. No caso de Música e Danza, as persoas aspirantes deberán presentar unha gravación en vídeo coas interpretacións ou coreografías requiridas nas bases da convocatoria. Pola súa parte, o alumnado de Artes Plásticas e Deseño deberá achegar a memoria e a documentación gráfica do seu proxecto final.
Con estas convocatorias, a Xunta de Galicia reforza o seu compromiso coa promoción da excelencia académica, o recoñecemento do esforzo e a posta en valor do talento do alumnado galego tanto no ámbito da Formación Profesional como das ensinanzas artísticas.