O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes e a conselleira do Medio Rural participaron na reunión do Comité Integrado de Prevención de Incendios

A Xunta e as demais administracións reforzan a súa coordinación na loita contra os incendios forestais

O conselleiro de Presidencia incidiu na importancia da colaboración da sociedade na denuncia da actividade incendiaria e na coordinación entre administracións na loita contra o lume a través deste dispositivo de case 7.000 efectivos

A conselleira do Medio Rural salientou o incremento do tempo de traballo de parte do persoal dependente da Xunta, que neste ano xa actúa ao longo de 8 meses e, no vindeiro, farano ao longo de 9 meses

Gómez tamén puxo en valor o investimento en formación para o persoal do dispositivo galego, ao que se destinarán preto de 1,8M€, así como os 13,7M€ que se empregará para a mellora de infraestruturas de loita contra o lume

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participaron esta mañá na reunión do Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia (CIPIG) para este ano. Este órgano, que está operativo desde o 1 de xullo ata o 30 de setembro, ten como finalidade coordinar as actuacións da Xunta e do Goberno central en materia de prevención e loita contra os incendios forestais na comunidade galega, co fin de sumar sinerxías e anticiparse aos lumes.

A xuntanza de hoxe serviu para avaliar as principais novidades no dispositivo, como son o incremento do tempo de traballo de parte do persoal dependente da Xunta de Galicia, que neste ano xa actúa ao longo de 8 meses e, no 2026, farano durante 9 meses. Ademais, tamén se crea a figura do xefe de loxística para xestionar o avituallamento dos medios, coordinar o aloxamento do persoal en caso necesario ou supervisar o correcto funcionamento das comunicacións no incendio.

No CIPIG participaron ademais, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o xefe superior da Policía Nacional en Galicia, Pedro Jesús Pacheco; o comisario xefe da Unidade da Policía Nacional Adscrita de Galicia, Jorge Rubal; e o xeneral xefe da XV Zona da Garda Civil en Galicia, Miguel González Arias; xunto con representantes do Ministerio do Interior; do Ministerio de Defensa e do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Por parte da Xunta tamén asistiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes incidiu na necesidade da implicación e da colaboración da sociedade contactando coas forzas e corpos de seguridade. Na mesma liña, avogou pola coordinación entre as administracións na loita contra o lume e, deste xeito, a reunión de hoxe serve precisamente para abordar o dispositivo integrado por arredor de 7.000 efectivos ante o comezo da tempada de alto risco de incendios o próximo 1 de xullo.

Entre os medios propios mobilizados que dependen da Consellería de Presidencia 209 efectivos da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia para a investigación de incendios forestais e 114 vehículos. Diego Calvo lembrou que é unha cifra similar ao ano pasado pese a que o Ministerio do Interior segue sen cubrir as prazas vacantes dun corpo de seguridade que se atopa a menos do 70% súa capacidade con 343 axentes.

A UPA contará cun equipo multidisciplinar en investigación de lumes (EMIL) con competencias en toda a comunidade, do que formarán parte un especialista en investigación e con formación específica en investigación de incendios, outro experto na área de medio ambiente natural e un terceiro en pericias informáticas.

Por outra parte, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) tamén colaborará nas intervencións a través Grupo de Apoio Loxístico (GALI) facilitando medios técnicos como tres Postos de Mando Avanzados, seis drons, tres cisternas nodrizas de 25.000 litros cada unha, ademais do reforzo de persoal no número de operadores e técnicos de garda dispoñibles.

Estes medios complétanse con outros de competencia municipal e supramunicipal aos que a Xunta apoia tanto nos gastos de funcionamento como na dotación de equipamento. Só en material para os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) como ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), o Goberno galego leva investidos máis de 27 millóns de euros.

Deste xeito, no dispositivo previsto para loitar contra os incendios forestais integraranse  432 bombeiros e 75 vehículos de parques municipais, outros 446 efectivos e 97 vehículos dos parques dos consorcios provinciais e comarcais, xunto con 402 profesionais de 34 Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e as máis de 4.400 persoas voluntarias das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC).

Novidades no Pladiga 2025

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou que dentro da actualización deste ano do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) se aposta pola formación do dispositivo, cun investimento de preto de 1,8 millóns de euros destinados a cursos e accións formativas entre 2025 e 2026. Deste xeito séguese a consolidar o operativo como un referente público, profesional, estable e versátil.

Por outra banda, a titular de Medio Rural salientou que o dispositivo volve contar este ano cunha trintena de medios aéreos, entre os da Xunta e os que aporta o Estado, así como con preto de 380 motobombas. A maiores, tamén fixo fincapé no plan de mellora de infraestruturas de loita contra o lume, cun investimento previsto de 13,7 millóns de euros no período 2025-2026, e no que se inclúen a construción de novas bases de medios aéreos en Lalín e Valga; a adecuación da de Antela; e a creación de novas BUO en Valga, Portas, Tui e Bande. A maiores, nesta campaña xa estarán operativas as BUO de Rianxo, Muíños e Mondoñedo.

En materia de prevención, María José Gómez detallou que se segue traballando con intervencións sobre o territorio e destacou unha ferramenta que se está a desenvolver para coñecer o risco de incendios en particular nas provincias de Ourense e Pontevedra, co obxectivo de determinar cales son as áreas nas que formular estratexias preventivas que contribúan a diminuír tanto o número de lumes como a superficie queimada.

Por último, salientou que se incrementará a superficie xestionada en materia de prevención coa elaboración de plans concretos dos seis parques naturais de Galicia, como áreas de actuación singularizada e buscando sempre a compatibilidade entre a protección do patrimonio natural e a prevención do lume.

Ambos mandatarios lembraron o número de teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria: o 900 815 085 e recordaron que tamén está a disposición da cidadanía o servizo gratuíto 085, ao que se debe chamar no caso de detectar un incendio forestal.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2025