A Xunta ultima as obras de rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz de Meira, nas que inviste máis de 900.000 €

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, supervisa os traballos, que estarán finalizados ao inicio do novo curso

As actuacións inclúen a renovación da fachada, cuberta, xanelas, portas, luminarias e teitos para mellorar a eficiencia enerxética e o benestar do alumnado

Meira (Lugo), 27 de xuño de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe as obras de rehabilitación integral que se están a acometer no Colexio CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz, cun investimento de preto de 900.000 euros. Os traballos comezaron no mes de maio e está previsto que rematen para o inicio do curso 2025/2026.

O titular de Educación destacou que “se trata dunha actuación de gran envergadura, que responde ao compromiso da Xunta por garantir espazos escolares confortables, seguros e sostibles”. Subliñou ademais que estas obras se enmarcan no Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para modernizar e adaptar os centros educativos ás necesidades actuais do ensino.

A intervención inclúe a renovación integral da envolvente do edificio, con especial atención á eficiencia enerxética: substitúese a cuberta por panel sándwich, rehabilítase a fachada, cámbianse 92 xanelas, 11 portas e 305 luminarias, e reformáronse 1.260 m² de falsos teitos. Estas melloras contribuirán tanto ao aforro enerxético como á comodidade diaria dos máis de 180 alumnos que estudan no centro.

Deste xeito, a Xunta continúa así a súa aposta por dotar os centros escolares de Galicia das mellores condicións para garantir unha educación de calidade, tamén desde o punto de vista das infraestruturas. Con estas actuacións, reafirma o seu compromiso coa creación de espazos máis accesible e sostibles, orientados a beneficiar a toda a comunidade educativa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2025