A Xunta licita por 455.905€ a mellora da rúa Curros Enríquez, no lugar de Feira do Monte, en Cospeito

O obxectivo é ampliación da plataforma e o reforzo do firme, así como beirarrúas e nova iluminación, desta rúa da parroquia de San Xoán de Sistallo, localizada na contorna de protección de Cruceiro do Monte e da Ermida do Monte e, que entronca coa estrada autonómica LU-111

As empresas poderán presentar ofertas ata o 22 de xullo

Esta intervención forma parte do Plan Hurbe, un programa da Xunta que apoia ás administracións locais para acometer intervencións urbanísticas, de xeito especial humanizacións e mellora de espazos e equipamentos públicos

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2025

A Xunta vén de licitar as obras de ensanche e mellora da rúa Curros Enríquez, no lugar da Feira do Monte, en Cospeito, por 455.905€. Estes traballos enmárcanse no Plan Hurbe da Administración autonómica, que apoia aos concellos para financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, de xeito especial humanizacións e mellora de espazos e equipamentos públicos.

A intervención consistirá na ampliación da plataforma e o reforzo de firme, así como habilitación de beirarrúas e dotación de nova iluminación, da citada rúa da parroquia de San Xoán de Sistallo, localizada na contorna de protección de Cruceiro e da Ermida do Monte e, que entronca coa estrada autonómica LU-111.  

En concreto, actuarase no treito da rúa entre o centro de día ata a glorieta da citada estrada. Deste xeito, o proxecto ten como obxectivo a ampliación da plataforma da rúa e o reforzo do firme, incluíndo o soterrado dos servizos aéreos. Contémplase tamén a substitución dos farois existentes por un sistema novo de alumeado público.

Trátase dunha contorna onde se sitúan dotacións como o colexio e o citado centro de día, ademais da igrexa de Virxe do Monte, de xeito que a intervención mellorará o acceso da veciñanza a estes equipamentos. 

As empresas poderán presentar ofertas ata o 22 de xullo e a intervención terá un prazo de execución de seis meses.

A través do convenio asinado ao abeiro do Plan Hurbe, o Goberno galego asumirá o 70% do custe destas intervencións, mentres que o Concello de Cospeito achegará o 30% restante.

Data de actualización: 28/06/2025