María José Gómez destaca que máis do 70 % do leite producido en Galicia transfórmase xa na comunidade

A conselleira do Medio Rural advertiu que, deste xeito, está próximo a conseguirse o obxectivo marcado na Estratexia de dinamización do sector lácteo, situado no 75 % para finais deste ano

Gómez interveu no acto de entrega de premios da Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo para o Control de Rendementos (Africor)

Puxo en valor as diferentes liñas de axudas da Xunta para este eido produtivo e en particular as destinadas a fomentar a remuda xeracional, publicadas este mesmo mércores no DOG e dotadas con 36 millóns de euros

Lugo, 27 de xuño de 2025

Máis do 70 % do leite producido en Galicia transfórmase xa na nosa comunidade, achegándose deste xeito ao 75 %, o obxectivo marcado na Estratexia de dinamización do sector lácteo galego para o remate deste ano 2025. Así o destacou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa intervención no acto de entrega de premios da Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo para o Control de Rendementos (Africor).

A titular de Medio Rural cualificou este fito como “unha moi boa noticia” para a cadea de valor do leite e salientou o traballo conxunto realizado entre a Xunta e o sector para acadar este obxectivo. Así, sobre as diferentes aportacións do Goberno autonómico, lembrou -ademais da propia estratexia sectorial- as liñas de axudas para fomentar a remuda no agro, como a publicada este mesmo mércores no Diario Oficial de Galicia e dotada con 36 millóns de euros. 

A conselleira tamén avanzou que neste próximo mes de xullo sairán outras dúas novas ordes de achegas; o instrumento financeiro para dotar de liquidez ao sector e unha nova convocatoria de subvencións para equipamentos en común.

Neste mesmo sentido, Gómez reiterou que o obxectivo que se persegue con todo este esforzo non é outro que “garantir unha produción sustentable, eficiente e de calidade, que beneficie tanto aos gandeiros como aos consumidores”. Deste xeito, engadiu, faise posible que Galicia se consolide como a primeira potencia leiteira nacional e a novena de Europa, un feito polo que quixo recoñecer aos gandeiros e, en xeral, a todo o sector.

Calidade e competitividade

A conselleira avogou ademais por continuar nesta liña de manter e avanzar na “calidade e competitividade da nosa gandaría”, así como “seguir engadindo contido de valor a esa Galicia calidade da que nos sentimos tan orgullosos”. E quixo recoñecer que, se o rural galego está tan vivo a día de hoxe é, en gran parte, grazas aos gandeiros. Como demostración disto lembrou que arredor dun terzo dos produtores de leite da nosa comunidade teñen menos de 45 anos e que, asemade, representan máis da metade da produción total. Por todo isto, concluíu, “o sector leiteiro é sinónimo de futuro”.

A maiores, Gómez recoñeceu o “papel fundamental” que desempeña Africor dentro do sector leiteiro galego, xa que -dixo- traballa “incansablemente para apoiar, impulsar e innovar neste ámbito”. Un labor que, aseverou, propicia que moitos gandeiros e gandeiras poidan acceder a novas prácticas máis sustentables e coñecementos actualizados que lles permiten manter a súa competitividade nun mercado cada vez máis esixente.

A Consellería do Medio Rural apoia o labor deste tipo de asociacións e, a través das axudas para o control do rendemento leiteiro, destinou este ano un millón de euros para as asociacións provinciais Africores da Coruña, Lugo e Pontevedra que desenvolven estas tarefas. Concretamente, a lucense recibiu unha achega de máis de 470.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2025