A conselleira do Medio Rural participou esta tarde na homenaxe aos gandeiros xubilados durante o 2024 organizado por Acruga

A Xunta destaca o liderado de Galicia no sector cárnico nacional

María José Gómez agradeceu o labor desenvolvido polos gandeiros galegos, aos que definiu como “un exemplo de perseveranza”

Salientou a aposta do sector pola innovación no medio rural, convertendo as explotacións familiares en “empresas modernas e avanzadas que son o espello no que se miran o resto de comunidades de España e mesmo outros países de Europa”

Gómez exemplificou o compromiso do Goberno galego con este sector, materializado a través de achegas para favorecer a remuda xeracional ou coa estratexia de dinamización do sector cárnico

Lugo, 27 de xuño de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou esta tarde na homenaxe aos gandeiros xubilados durante 2024, organizado pola Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga). Alí, destacou o liderado de Galicia como “unha das comunidades máis importantes na produción de carne a nivel nacional”; unha posición acadada grazas ao labor destes gandeiros, aos que definiu como “un exemplo de perseveranza”.

Neste sentido, salientou a aposta do sector pola innovación no medio rural, convertendo as explotacións familiares en “empresas modernas e avanzadas que son o espello no que se miran o resto de comunidades de España e mesmo outros países de Europa”. Así mesmo, destacou o seu compromiso coas razas autóctonas, en especial coa Rubia Galega, que actualmente goza de prestixio nacional e internacional.

Gómez exemplificou o compromiso do Goberno galego con este sector, materializado a través de achegas para favorecer a remuda xeracional ou coa estratexia de dinamización do sector cárnico, elaborada co obxectivo de situar a Galicia como rexión referente na produción de carne de calidade e para impulsar a súa competitividade.

Para rematar a súa intervención, a conselleira agradeceu o labor desenvolvido polos gandeiros xubilados e asegurou que o seu legado “é un tesouro que seguirá inspirando a quen continúe neste camiño”. Asemade, recoñeceu o traballo desenvolvido por Acruga, cunha importante contribución á economía local e a conservación das razas autóctonas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2025