O presidente da Xunta salienta o hospital público vigués como un referente asistencial, docente e investigador do modelo sanitario galego
Rueda destaca no 10º aniversario do Hospital Álvaro Cunqueiro o seu papel como símbolo da sanidade pública de vangarda
Desde a súa posta en marcha, o hospital rexistrou máis de 358.000 ingresos hospitalarios, preto de 123.000 intervencións cirúrxicas e arredor de 4 millóns de consultas externas
Avanza que o hospital seguirá ampliando as súas capacidades nos próximos meses coa posta en marcha de novos servizos como unha área de rehabilitación cardíaca e un novo hospital de día médico
Vigo, 27 de xuño de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou este venres no acto conmemorativo do décimo aniversario do Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde puxo en valor o camiño percorrido por esta infraestrutura desde a súa posta en funcionamento en 2015, convertida nun referente asistencial, docente e investigador da sanidade pública galega.
Durante o acto, no que tamén participou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e César Cunqueiro, fillo do escritor que dá nome ao hospital, o titular do Goberno galego subliñou que, dez anos despois da súa apertura, o Álvaro Cunqueiro é moito máis ca un centro sanitario: representa un compromiso firme coa sanidade pública e co futuro asistencial de Galicia.
O presidente destacou que, desde a súa entrada en funcionamento, o hospital rexistrou máis de 358.000 ingresos hospitalarios, preto de 123.000 intervencións cirúrxicas, arredor de 4 millóns de consultas externas e máis de 1,8 millóns de atencións en urxencias. Cifras que, ao seu xuízo, non serían posibles sen o labor dos 3.800 profesionais que conforman o seu cadro de persoal, e que presentan unha atención sanitaria amplamente recoñecida pola cidadanía, cun nivel de satisfacción media superior ao 90 %.
Ao longo da última década, o hospital consolidouse como un centro de referencia, tanto en Galicia como fóra dela, grazas á incorporación de tecnoloxías punteiras como a cirurxía robótica, as terapias CAR-T ou as unidades pioneiras de saúde mental. Tamén destacou o seu papel como centro docente e investigador, con máis de 40 ensaios clínicos só en Oncoloxía e unha crecente participación en proxectos europeos e nacionais.
O xefe do Executivo autonómico avanzou que o Álvaro Cunqueiro seguirá ampliando as súas capacidades nos próximos meses, coa posta en marcha de novos servizos como unha área de rehabilitación cardíaca e un novo hospital de día médico. Nos últimos anos, a Xunta ten destinado máis de 6,8 millóns de euros a obras de mellora e máis de 15 millóns á incorporación de nova tecnoloxía médica.
Finalmente, Rueda reiterou o compromiso do Goberno galego coa sanidade pública e coa área sanitaria de Vigo, asegurando que a prioridade seguirá sendo a mellora continua dos servizos e a atención centrada nas persoas. Convidou tamén a seguir traballando colectivamente nun modelo sanitario cada vez máis humano, eficiente e adaptado aos desafíos do futuro.