A Xunta presenta na Coruña a campaña ‘Merca no teu comercio’ para dinamizar as vendas de proximidade co foco posto nos concellos do rural

A Coruña, 30 de xuño de 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou na presentación da campaña Merca no teu comercio A Coruña, posta en marcha pola Xunta e a Federación Galega de Comercio para estimular a demanda e poñer en valor o comercio de proximidade, especialmente nos municipios rurais galegos e nos barrios sen asociación comercial. No acto tamén estivo presente o presidente da Federación de Comercio da Coruña, José Antonio Seijas Castro.

As accións de dinamización, que arrancaron no mes de xuño na Pobra do Caramiñal e Porto do Son, teñen unha duración de quince días cada unha e desenvolveranse en diferentes localidades da provincia ata o vindeiro 31 de outubro, no marco do convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Comercio para avanzar na innovación e dinamización do sector. Os consumidores que queiran participar deberán rexistrar a súa compra a través da páxina web www.mercanoteucomercio.com. Tamén poderá ser rexistrada polo comerciante a través da mesma plataforma, duplicando deste xeito a participación do consumidor e incrementando as posibilidades de gañar unha das 20 tarxetas prepago por valor de 50 euros que se sortearán en cada unha das campañas e que poderán ser canxeadas nos comercios minoristas das respectivas localidades ata o 31 de decembro deste ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/06/2025