A Xunta incrementa nun 12% o orzamento para garantir o servizo de transporte escolar gratuíto ata superar os 95 M€

Rueda resalta que haberá case 1.250 vehículos para atender preto de 1.500 rutas escolares que utilizan “máis de 42.000 alumnos” 

Os contratos comezarán en decembro e prolongaranse durante dous anos, con posibilidade de prorrogalos ata sumar un máximo de cinco exercicios

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello acordou “incrementar un 12% o orzamento destinado a manter o transporte escolar gratuíto que utilizan a diario máis de 42.000 alumnos”. En concreto, vanse investir máis de 95 millóns de euros na contratación do servizo de transporte público regular de viaxeiros por estrada de uso especial escolar ata 2027.

Con esta contratación continúase ofertando o servizo licitado en 2021, cuxa vixencia remata este ano. Así, os contratos comezarán en decembro e prolongaranse durante dous anos, con posibilidade de prorrogalos ata sumar un total de cinco exercicios. O valor estimado do servizo ascende a 257 millóns de euros.

O obxectivo é poñer un servizo axeitado que facilita o acceso do alumnado aos centros educativos da comunidade, e que presenta dentro do conxunto do transporte de persoas viaxeiras, unha especial relevancia dada a singularidade dos seus usuarios e usuarias. Préstase aos escolares con dereito a transporte escolar gratuíto como servizo complementario do sistema educativo, isto é, o alumnado cuxo domicilio se encontre fóra do ámbito urbano en que radique o centro escolar e, en calquera caso, a unha distancia deste superior a 2 quilómetros.

Trátase dun servizo de transporte programado que consiste no traslado do alumnado aos centros educativos mediante a realización das expedicións necesarias sobre o itinerario trazado en cada unha das rutas de transporte escolar que en cada momento define a Administración respondendo ás necesidades de cada centro educativo.

A prestación realizarase en función dos horarios lectivos de cada centro educativo e as expedicións adaptaranse ao longo da duración do contrato aos cambios de horario que acorden os órganos da Administración competentes en materia educativa conxuntamente cos competentes en materia de transporte de escolares.

Tal e como explicou Rueda, para facilitar o servizo, “auméntanse os lotes de contrato de 57 a 71 para adaptarse ás necesidades de cada zona”.  Esta división representa un modelo de contratación máis flexible, competitivo e inclusivo, que facilita unha xestión máis eficaz e adaptada á realidade do servizo, á vez que reforza o acceso das pequenas e medianas empresas á contratación pública.

Medios humanos e materiais requiridos

Os medios humanos requiridos son persoal de condución con experiencia e permiso de conducir axeitado, e persoal acompañante que deberá contar coa adecuada preparación e formación. En ambos os casos, exíxese a presentación de certificación negativa do Rexistro central de delincuentes sexuais. No proxecto correspondente a cada lote indicase a dotación mínima de persoal, tanto de condución como acompañante, exixida e requirida para desenvolver o servizo.

Canto aos recursos materiais mínimos, exíxense 1.246 vehículos para “garantir o funcionamento de case 1.500 rutas escolares”, todos eles deberán cumprir a normativa vixente en materia de transporte escolar e os restantes requisitos mínimos exixidos como, por exemplo,  sistema de ancoraxe das cadeiras de rodas nos vehículos adaptados, cintos de seguridade ou sistema de rexistro de eventos.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/06/2025