Os conselleiros de Educación e de Facenda explican esta nova medida na libraría Follas Novas de Santiago
Desde hoxe as familias galegas poderán gardar as facturas de libros e material escolar para beneficiarse da nova desgravación fiscal da Xunta
Vai dirixida ás familias con rendas per cápita superiores a 10.000€ e ata 30.000€, que ata o de agora quedaban fóra das axudas que operan para rendas inferiores a 10.000€
A desgravación cubrirá o 15% do facturado, cun máximo de 105€ por fillo e estímase que suporá un aforro estimado de 6,3M€ a unhas 60.000 familias
Será preciso presentar as facturas dos produtos adquiridos desde o 1 de xullo ao 31 de decembro deste ano para aplicar a desgravación na vindeira declaración da renda
Esta nova acción súmase ao completo programa da Xunta para apoiar ás familias nos gastos de inicio de curso, así como a medidas pioneiras como a matrícula universitaria de balde
O Goberno galego cumpre así co obxectivo de axudar a quen máis o precisa e afondar na equidade e a igualdade de oportunidades no eido educativo
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2025
Os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, informaron esta mañá da nova medida de apoio ás familias no eido educativo de desgravación fiscal pola adquisición de libros de texto e material escolar, a realizar no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas do ano 2026, correspondente ao exercicio de 2025. Para iso, desde hoxe día 1 de xullo ata o 31 de decembro deste ano as familias deberán gardar as facturas de compra para poder facer efectiva a desgravación na vindeira declaración da renda de 2026.
Nunha visita á Libraría Folla Novas de Santiago de Compostela, o conselleiro de Facenda e Administración Pública detallou que esta nova acción do Goberno Galego permitirá ás familias galegas desgravar na declaración da renda do vindeiro ano o 15% pola compra de libros de texto e material escolar. “En concreto, poderán desgravar ata 105 euros por fillo ou filla matriculados en educación Primaria e Secundaria”, dixo Miguel Corgos, subliñando que esta medida beneficiará a unhas 60.000 familias con rendas anuais per cápita superiores a 10.000 euros e ata 30.000€.
Cun aforro en conxunto de 6,3 millóns de euros aos fogares galegos, a porcentaxe do 15% aplicarase sobre o importe das facturas de compra para o vindeiro curso 2025-2026, realizadas a partir de hoxe, 1 de xullo, e ata o vindeiro 31 de decembro. Por iso, Miguel Corgos recordou a importancia de que as familias galegas garden todas as facturas de compra para incluílas na declaración da renda do vindeiro ano e poder así beneficiarse desta nova medida.
Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP subliñou que esta nova acción súmase ao completo programa de Xunta para apoiar ás familias nos gastos do inicio do curso “para axudar a quen máis o precisa” a través dunha medida “de carácter transversal que afonda aínda máis na equidade e na igualdade de oportunidades”, cuestión das que Galicia xa é líder no que ao ámbito educativo respecta. “Ata o de agora as familias de rendas de ata 10.000€ per cápita contaban con libros de balde ou vales para manuais e material escolar. A partir do vindeiro curso avanzamos un chanzo ao asegurarlles axudas tamén ás familias de rendas entre 10.000 e 30.000€ per cápita”, explicou Román Rodríguez.
Non en balde, no curso que acaba de rematar, 163.023 alumnos tiveron libros de balde a través do fondo, das axudas para a compra de manuais ou do programa de libro electrónico. Deles, 126.754 accederon tamén a vales de material.