A Xunta insiste na reunión da comisión mixta co Consello de Seguridade Nuclear en ter a debida información sobre os bidóns con residuos nucleares depositados na foxa atlántica
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, pediu que se trasladen de xeito oficial as xestións que se están a realizar para coñecer o estado dos bidóns
Na xornada de hoxe reuniuse con representantes do Consello de Seguridade Nuclear fixeron balance da planificación de 2024 e da folla de ruta de 2025 para coordinar as inspeccións e controis no ámbito autonómico
O Goberno galego inspeccionou o ano pasado 50 instalacións radioactivas e catro transportes de material radioactivo, ademais de colaborar co CSN en sete inspeccións previas á posta en marcha de instalacións radioactivas
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2025
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na reunión da comisión mixta de seguimento entre o Consello de Seguridade Nuclear (CSN) e a Xunta, onde ademais de abordar os asuntos da orde do día, trasladou a preocupación da Xunta respecto da insuficiente información remitida ata o de agora ao Goberno galego no que atinxe ás xestións que se están a realizar -a través dunha campaña científica francesa- para coñecer o estado dos bidóns con residuos nucleares depositados na foxa atlántica hai décadas.
Neste sentido, pediu traballar desde a lealdade institucional para poder coñecer polas vías ordinarias, e non polos medios de comunicación, unha información que é de interese para toda a cidadanía galega. Por iso, avogou por mellorar neste eido e reforzar a colaboración entre as dúas administracións, tendo en conta que o tratamento e xestión de residuos nucleares non é unha competencia autonómica.
Por outra parte, no encontro de hoxe, avaliouse a encomenda de xestión que o CSN atribúe ao Goberno galego para que exerza no seu ámbito territorial controis e inspeccións neste ámbito. Así, representantes de ambas institucións analizaron o balance da execución da planificación do pasado ano, coa consideración de que a encomenda segue funcionando adecuadamente.
Segundo o informe avaliado, en 2024 realizáronse 60 inspeccións, das que 50 corresponden a instalacións radioactivas e catro a transporte de material radiactivo. Tamén se colaborou co CSN en sete inspeccións previas á posta en marcha de instalacións radioactivas.
Ademais, abordouse a planificación deste 2025, que inclúe 37 controis de instalacións radioactivas e 22 de radiodiagnóstico médico, así como cinco de transporte de material radioactivo.