A Xunta incrementa en case un 4% a oferta de FP na área de Ferrol con máis de 4.000 prazas de novo ingreso

O conselleiro de Educación asina un convenio coa empresa Electrorayma para as prácticas formativas de 38 alumnos de catro ciclos no Centro Integrado de FP Ferrolterra e Rodolfo Ucha Piñeiro e no Instituto de Fene

Román Rodríguez salienta a aposta da Xunta por estas ensinanzas con novas accións como as formacións aceleradas e o reforzo dos másteres e títulos de alta especialización na comarca

Narón (A Coruña), 1 de xullo de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, salienta a aposta do Goberno galego polo reforzo da FP na comarca de Ferrolterra coa oferta de máis de 4.000 prazas de novo ingreso para o vindeiro curso 2025-26, o que supón un incremento de case o 4% con respecto ao curso que acaba de rematar.

Así o sinalou esta mañá durante a súa visita a Narón con motivo da firma dun convenio de colaboración entre a Consellería e a empresa Electro Rayma SL para que 38 alumnos de FP poidan facer prácticas o vindeiro curso nesta firma especializada na execución de proxectos eléctricos. “É un paso máis na FP galega e na conexión entre o tecido empresarial e o alumnado”, indicou Román Rodríguez respecto ao convenio, facendo fincapé nunha oferta onde se trata de compaxinar as preferencias dos alumnos coas necesidades das empresas.

Neste senso, ademais dos datos cuantitativos, o titular de Educación da Xunta fixo fincapé nos aspectos cualitativos, coa posta en marcha de iniciativas novidosas como é o caso das formacións aceleradas como a de grao medio de Fabricación de tubaxes e construcións e carpintaría metálica que se impartirá no CIFP Ferrolterra. Trátase dunha vía formativa pioneira de Galicia e inédita a nivel estatal que consiste nunha formación concentrada dirixida a persoas que precisan dunha rápida cualificación para acceder ao mercado laboral en sectores con moita demanda.

A maiores, na comarca tamén se reforzan os títulos de alta especialización, os másteres de FP e a FP Dual Intensiva. “Os interesados en cursar algunha destas formacións aínda están a tempo de solicitar praza ata mañá, que se pecha o prazo de solicitudes”, lembrou o conselleiro.

38 alumnos de prácticas

Nesta aposta pola FP enmárcase o convenio asinado hoxe coa empresa Electro Rayma SL, nun acto ao que tamén asistiu a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e no que o conselleiro agradeceu a implicación da empresa, coa que a Xunta xa vén colaborando desde o ano 2020.

O acordo posibilitará que no vindeiro curso un total de 38 alumnos de FP Dual intensiva dos CIFP Ferrolterra (Ferrol), CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol) e IES de Fene (Fene) poidan completar a súa formación. Concretamente, o convenio subscribe o desenvolvemento de prácticas de 34 alumnos do ciclo superior de Mecatrónica Industrial (22 deles no Ferrolterra e outros 12 no IES de Fene), dous alumnos do ciclo superior de Sistemas electrónicos e automatizados con especialización en sistemas de telecomunicacións e un do ciclo superior de Prevención de riscos profesionais (todos eles do CIFP Ferrolterra) e un alumno do ciclo superior de Administración e finanzas do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/07/2025