A Delegación da Xunta en Lugo acolle hoxe a charla motivacional contra o bullying de Sergio ‘Maravilla’ Martínez
Lugo, 2 de xullo de 2025
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolle hoxe, a partir das 20.00 horas, unha charla motivacional do exboxeador profesional Sergio “Maravilla” Martínez, de entrada libre e gratuíta ata completar aforo. Entre os asistentes estarán o delegado territorial, Javier Arias, e o tamén exboxeador Alberto Piñeiro “El Piña”, promotor da iniciativa desde o club Team Piña Boxing.
O arxentino Sergio “Maravilla” Martínez conta no seu haber con 12 títulos mundiais e é o creador do Método Maravilla, que fomenta a práctica do boxeo e reivindica a súa utilidade para combater o bullying, reforzando a autoestima infantil e educando en valores como a disciplina, o esforzo e o respecto.
Na cita desta tarde compartirá a súa experiencia e a súa visión sobre o deporte como motor de cambio persoal e social; está especialmente dirixida á mocidade, familias, deportistas e educadores, e as persoas que o desexen poderán tomarse fotografías co afamado conferenciante.