O conselleiro de Educación presenta a ampliación do proxecto Vetinen no centro tecnolóxico de Cortizo, en Padrón
A Xunta reforza a innovación na FP coa incorporación da aprendizaxe de inglés por intelixencia artificial aos ciclos de fabricación mecánica en 30 centros
Román Rodríguez subliña que, tras a primeira fase piloto para os ciclos de Hostalaría, esta ferramenta chegará agora a preto de 6.000 alumnos de 52 centros de FP
Salienta o “alto valor” deste proxecto desenvolvido polo Centro Galego da Innovación da FP para mellorar a práctica lingüística a través dos últimos avances tecnolóxicos
Grazas a unha interface en 3D, os estudantes poderán recrear na aula situacións reais en inglés en escenarios como montaxe, inspección de pezas ou atención a clientes internacionais
Padrón (A Coruña), 2 de xullo de 2025
A Formación Profesional galega recibe un novo impulso no eido da innovación coa incorporación da nova ferramenta de intelixencia artificial Vetinen para a aprendizaxe de inglés aos ciclos de Fabricación Mecánica nos 30 centros que imparten estas ensinanzas en Galicia, tal e como avanzou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita ao centro tecnolóxico de Cortizo en Padrón, onde estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez.
Así pois, esta ferramenta, pioneira no sistema educativo, que a Consellería comezou a aplicar como experiencia piloto o pasado curso para a familia de Hostalaría e Turismo, estenderase a partir de setembro á de Fabricación Mecánica, polo o vindeiro curso vanse beneficiar dela preto de 6.000 estudantes de 52 centros de FP. Namentres, o departamento de Educación do Goberno galego continúa traballando co obxectivo de que se incorpore gradualmente ao conxunto da FP galega.
Román Rodríguez salientou o “alto valor para reforzar a conexión entre formación e empresa” que ofrece Vetinen, na medida en que combina a práctica das destrezas lingüísticas cos últimos avances tecnolóxicos ao servizo da educación e adaptada ás esixencias do mundo laboral.
A ferramenta, impulsada polo Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, en Ourense, permite que os alumnos poidan recrear na aula situacións reais en inglés a través dunha interface en 3D que lles permite interactuar con avatares en distintos escenarios que simulan patróns do día a día como pode ser, no caso dos ciclos de Fabricación Mecánica, situacións realistas de montaxe, mantemento, inspección de pezas ou atención a clientes internacionais.
Colaboración empresarial para a alta especialización
O conselleiro Román Rodríguez aproveitou a visita á empresa Cortizo para salientar a importancia do aproveitamento de sinerxías entre o eido educativo e o empresarial para impulsar unha FP “innovadora, de calidade e capaz de dar resposta ás necesidades de demanda de profesionais cualificados”, da que esta firma padronesa “é un exemplo”.
Non en balde, a Consellería de Educación mantén desde hai anos unha estreita colaboración con esta factoría líder en España en fabricación e distribución de sistemas de aluminio e PVC para arquitectura e industria, que permitiu a formación dun total de 221 alumnos en FP Dual Intensiva e en prácticas de Formación en Centros de Traballo.
De cara ao vindeiro curso, a empresa tamén colaborará na formación de Alta Especialización de Soldadura por arco con eléctrodos revestidos ou a soldadura en atmosfera protexida, que se impartirá no Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago.