A Xunta aborda as principais novidades da lei de eficiencia da xustiza que comeza a implantarse este mes
O director xeral de Xustiza respondeu no Parlamento de Galicia a varias preguntas sobre os cambios no ámbito xudicial que trae a nova norma e a implantación do novo sistema procesual Atenea
Ademais, José Tronchoni abordou a creación de novas prazas en materia de violencia contra a muller e das medidas do Goberno galego para garantir este servizo
Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2025
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, interveu hoxe no Parlamento para abordar as principais novidades da Lei orgánica de medidas en materia de eficiencia do Servicio Público de Xustiza, que xa dende o 1 de xullo estableceu as novas oficinas xudiciais en 38 partidos xudiciais dos 45 existentes en Galicia.
A primeira fase de implantación da normativa comeza nos xulgados de paz, que pasan a denominarse Oficinas de Xustiza do Municipio e, segundo sinalou o director xeral, evolucionan nos seus servizos para evitar na medida do posible os desprazamentos, logrando unha atención máis próxima á cidadanía e permitindo dispoñer de trámites nas zonas rurais que ata agora só se podían realizar nas cidades. Deste xeito, dende a Xunta estivéronse mantendo contactos coas diferentes entidades locais para coñecer os materiais e instalacións dispoñibles e adecuar os espazos e os medios tecnolóxicos á prestación destas novas xestións, cun investimento de arredor dos tres millóns de euros.
A nova Lei tamén afecta á infraestrutura da Xunta en materia de Xustiza como os Medios adecuados de solución de controversias na Lei de Asistencia Xurídica Gratuíta e tamén na mediación intraxudicial. Ademais, tentarase cubrir as prazas en todas as renovadas oficinas de xustiza e se adaptará a regulación das agrupacións das secretarías das agora Oficinas de Xustiza do Municipio á nova realizada.
Novas prazas xudiciais
Por outra banda, o director xeral abordou tamén no Parlamento a creación de catro postos en materia de violencia de xénero, unha medida demandada desde hai anos polo Goberno galego e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a través da Comisión Mixta de Xustiza. Tal e como explicou José Tronchoni, solicitábase a creación de xulgados de violencia sobre a muller de maneira exclusiva nas cidades, empezando por Santiago de Compostela e posteriormente Ourense e o resto das cidades.
En Santiago de Compostela e Ourense estes novos postos estarán comarcalizados o que, segundo o director xeral, supón o desprazamento da vítima á capital. Para paliar esta circunstancia, José Tronchoni adiantou que o Goberno galego se fará cargo do traslado das vítimas e de todas as persoas que teñan que declarar. O director destacou os beneficios á hora de presentar, tramitar e xestionar cada denuncia, xa que estes novos postos permiten unha especialización nesta materia e unha maior axilidade dos procedementos.
En canto ás outras dúas prazas, na Coruña e en Vigo, José Tronchoni insistiu en que o Goberno galego agarda que non sexan a costa de postos nos xulgados de instrución o que incrementaría a xa alta carga de traballo nas oficinas xudiciais, provocando un atraso na resolución dos procesos. Nesta liña, incidiu na demanda ao Ministerio de Xustiza de que se manteñan as prazas de Instrución e se creen novas prazas.
Dende o Goberno galego, o director xeral de Xustiza anunciou que se reforzará o persoal destes catro novos xulgados de violencia contra a muller co obxectivo de paliar o aumento na carga de traballo derivada das novas funcións e tamén das fiscalías.
Cambio do sistema procesual
A maiores, o director xeral de Xustiza afondou no cambio ao sistema procesual Atenea que, segundo comunicou o Ministerio de Xustiza ao Goberno galego, ademais de adaptarse ás novas estruturas da Administración de Xustiza ten entre as principais novidades a capacidade de ser soporte aos esquemas de tramitación e documentación xurídica en galego e castelán, a diferencia do seu predecesor Minerva.
Segundo explicou José Tronchoni, durante anos estívose traballando nos modelos de resolucións procesuais mediante traducións ao galego, pero non chegou a integrarse no sistema. Por iso, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Consellería de Cultura a través da Secretaría Xeral da Lingua seguen traballando de forma intensa para que o Ministerio garanta dende o momento da implantación a opción de traballar en ambas as dúas linguas, promovendo de forma efectiva o uso do galego no ámbito xudicial.